A pegada das bolsas iProx, unha iniciativa de Novagalicia Banco e o Colexio de xornalistas para apoiar a posta en marcha de novos proxectos de comunicación galegos, é unha pegada ben ampla. Así, logo de incentivar con estas axudas a materialización de importantes iniciativas TIC como GCiencia, Miríades e Viaxe aos recordos, o noso panorama xornalístico dixital ten a sorte de rematar o ano cunha nova achega impulsada en parte polas ditas bolsas: o proxecto Galicia soa. Trátase, máis polo miúdo, dun libro dixital sobre o despoboamento do rural, que recolle as vivencias reais dos seus protagonistas e a opinión dos expertos e estudosos sobre o tema, nun entorno multimedia que mestura texto con imaxe e audio.
O libro dixital, informa o Colexio de Xornalistas, está realizado por un equipo formado polos xornalistas José Antonio Pardiñas García, Benjamín A. López Rodríguez e Susana Pardiñas Iglesias, e recolle reportaxes de zonas rurais das catro provincias galegas, así como entrevistas a Xosé Luis Barreiro Rivas, Xaquín Fernández Leiceaga, Andrés Precedo Ledo e Xosé Gabriel Vázquez.
Como lembraremos, as bolsas iProx son resultado dun convenio de colaboración asinado a finais de 2012 entre Novagalicia Banco e o Colexio de Xornalistas para a creación, organización e posta en marcha desta bolsa para xornalistas licenciados e/ou colexiados, froito do interese de Novagalicia por promover e dar saída a proxectos de comunicación que por causa da situación actual non poden ver a luz.
O libro dixital Galicia soa, nova achega das bolsas iProx
Compartir Este Artigo
