
Polo que se refire ás dúas décadas do Centro de Supercomputación de Galicia, cousa que tamén se reflectiu dende Código Cero, sinalar que é o mesmo que dicir que a nosa terra fixo vinte anos situada á vangarda de Europa en materia de servizos de cálculo. O baile de cifras desenvolvido os días pasados sobre o acadado polo centro foi constante, e entre os datos achegados salientaremos só uns poucos: foron 170 proxectos postos en marcha con outras entidades en réxime de colaboración, máis de 500 millóns de euros mobilizados e importantes traballos en computación e comunicación de altas prestacións, aprendizaxe a distancia, GIS e computación distribuída en sistemas grid e cloud. Lembrar que na celebración das dúas décadas de traxectoria, fíxose saber que o CESGA actualizará a a súa máquina Finis Terrae para 2014.
Volvendo á listaxe de GCiencia, tamén se inclúe entre outras moitas cousas o lanzamento do satélite Humsat, da Universidade de Vigo, un proxecto que contou co apoio da Organización de Nacións Unidas e o impulso do equipo do profesor Fernando Aguado, da dita institución académica galega. Foi en novembro cando se puxo en órbita, e en Código Cero tamén quixemos reflectilo, facendo fincapé na experiencia previa do Xatcobeo e no que virá logo da man da UVigo: GENSO, a rede mundial de estacións de seguimento; ESEO e ESMO orbitadores nos que a Universidade colabora; Femtoxat o pequeno satélite de 250 gramos que con case total seguridade será lanzado o vindeiro ano e Ballonxat, proxecto de lanzamento de globos estratosféricos. Por se isto fose pouco, os investigadores galegos tamén lanzaron outro aparello en decembro, da man da ESA. Trátase do satélite Gaia, tamén reflectido na listaxe de GCiencia, un aparello destinado a cartografar estrelas e que contaba nas súas fileiras con científicos da Universidade da Coruña e do CESGA.
Seguindo no plano das TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación), o medio galego tamén salienta na súa reportaxe as importantes achegas do estudo do profesor Henrique Costas sobre o Valego, a fala galega en Estremadura, ou dos responsables do grupo Divulgare, que tamén reflectimos en Código Cero con motivo da súa presentación, e que se dirixe a crear un espazo formativo en liña no que mesturar ciencia e arte e destacando a forza do audiovisual para comunicar conceptos científicos dun xeito atractivo.
GCiencia salienta os vinte anos do CESGA e o lanzamento de Humsat e Gaia entre os grandes fitos galegos de 2013
Compartir Este Artigo
