Segundo informa estes días a Universidade de Vigo, o novo ano vén con boas novas para os responsables do proxecto Humsat, os membros do Agrupamento Aeroespacial da institución académica galega que dirixe o profesor Fernando Aguado. Deste xeito, o pasado venres o picosatélite galego acadaba o fito das 640 voltas arredor da Terra, desprazándose entre 588 e 640 quilómetros de altura a unha velocidade de 7,5 km por segundo. Con todo, haberá máis froitos que recoller. Segundo engade a UVigo, estamos xa comezando a mergullarnos no segundo chanzo desta iniciativa, que comezará a vindeira semana coa instalación do primeiro sensor en Vigo (na EE de Telecomunicación) ao que se sumarán logo outros tres en Estados Unidos, Brasil e India.
Para Fernando Aguado, sen dúbida que a primeira etapa do camiño foi proveitosa e positiva, e as potencialidades de xestión e de achega de datos do aparello e do sistema por enteiro foron as axeitadas. Así, a información recibida ata o día de hoxe amosa que “o satélite está a funcionar perfectamente, aínda que non tivemos datos precisos da órbita ata dez días antes do Nadal”. Con todo, sinala que actualmente todos os datos da telemetría do satélite amosan que o estado da plataforma é excelente. Polo que respecta ás cargas útiles, tamén se concluíu a primeira fase do medidor de radiación e comezaron xa as probas de medida de ruído e sinal “para caracterizar a carga útil de Humsat-D”, explíca. E engade: “Estas probas estenderanse ao longo do mes de xaneiro para poder finalmente concluír esta fase e pasar á operación nominal e despregue dos sensores que se instalarán en Vigo, nas universidades de Cal Poly (EEUU), Brasilia (Brasil) e un terceiro na India”. Estes sensores, cun custe inferior aos 10 dólares, permitirán recibir información do Humsat-D e no futuro de toda a constelación de satélites en calquera parte do mundo. Os sensores serán “de sinxela instalación”, explican fontes da Universidade de Vigo, e dirixiranse a recoller datos en calquera lugar do planeta onde se sitúen para logo descargalos en Internet. Con isto posibilitaranse cousas como o estudo do cambio climático en zonas sen infraestruturas de telecomunicación ou eléctricas, así como a transmisións de información urxente en situacións de emerxencia.
Lembrar que o Humsat-D é o satélite demostrador da tecnoloxía Humsat e polo tanto o seu obxectivo é validar, analizar e propoñer, no seu caso, configuracións optimizadas para o resto de satélites Humsat. Os datos que transmite son de dous tipos, por unha banda datos da plataforma, incluíndo medida de radiación, e por outra datos de recepción dos sensores que se comezan a instalar a vindeira semana. Unha vez testada esta tecnoloxía, a constelación de satélites Humsat ampliarase con outros nove “que permitirán crear unha rede mundial de comunicación xunto cos sensores terreos”, informa a UVigo. Estes cubesats serán desenvolvidos polas universidades de Vigo, Cal Poly, UNAM, Baixa California, Torino, Sapienza, Narvik e Alcalá de Henares. Agárdase que polo menos un deles sexa lanzado na segunda metade do presente ano. Lembrar por último que a Universidade de Vigo ten en órbita ao mesmo tempo ao Xatcobeo, lanzado en febreiro de 2012 e cunha unha vida útil inicial de tres meses, e o Humsat-D, que o vindeiro 21 de xaneiro cumprirá dous meses no espazo.
Vigo acollerá os vindeiros días a instalación do primeiro sensor da constelación Humsat
Compartir Este Artigo
