FADEMGA FEAPS GALICIA (Federación de asociacións en favor das persoas con diversidade funcional cognitiva de Galicia) está a colaborar co proxecto estatal Léelo Fácil, unha experiencia cualificada polos seus responsables de “pioneira e innovadora” e que cingue nunha única achega a accesibilidade cultural e as novas tecnoloxías da información. Consiste, informa a Federación galega, en adaptar á lectura doada dous libros de autores españois, e usar as TIC “para enriquecelos dixitalmente e aumentar desta maneira a súa accesibilidade e interese”.
Con fin de botar unha man na elección destes libros, os impulsores do proxecto abriron un sistema de votación en liña. O proceso rematou o pasado 23 de decembro con 200 votos procedentes de 12 comunidades autónomas e 65 cidades españolas diferentes. Os libros seleccionados foron O monte das ánimas e Raio de lúa, ámbolos dous lendas de Gustavo Adolfo Bécquer, ao que cómpre engadir As voces do futuro, novela do autor de best seller Jordi Sierra i Fabra. FADEMGA FEAPS GALICIA colaborará na adaptación a lectura doada destas obras xunto co apoio da empresa Dilofácil e da Asociación Lectura Fácil, ademais do apoio na tradución de Asociación Lectura Fácil.
O resultado final, informa a Federación galega, serán 2 aplicacións dispoñibles para calquera tipo de terminal: libro electrónico, tablet, computador e móbil, que estarán deseñadas para facer os libros máis atractivos, máis accesibles e entretidos, “achegando a cultura en xeral e a lectura en particular á contorna educativa e de lecer das persoas con discapacidade intelectual e outros colectivos con dificultades de lectura”, engade a plataforma de asociacións galega.
Estas aplicacións serán gratuítas e estarán accesibles entre maio e xuño de 2014 na web de FEAPS. Aqueles/as que participasen na votación recibirán un correo electrónico coas ligazóns de descarga. O proxecto está financiado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e xestionado por FEAPS, co apoio da empresa tecnolóxica OneClick.
FADEMGA FEAPS Galicia colabora nun proxecto TIC para achegar a literatura ás persoas con diversidade cognitiva
Compartir Este Artigo
