A Asociación Trabalingua puxo en marcha os días pasados, na Rede, unha iniciativa destinada a dar acubillo e amosar diferentes usos incorrectos da nosa lingua nas súas tristemente múltiples manifestacións. Ao mesmo tempo, preténdese botar luz sobre o problema e contribuír a un mellor uso do galego, sobre todo dende quen ten que dar exemplo (por exemplo as administracións locais, autonómica e provinciais). A iniciativa chámase FotoTrabadas é non outra cousa que un concurso en liña para tentar elixir o cazapo lingüístico máis abraiante. O eido de acción é ben amplo: valen carteis, sinais, misivas, anuncios nos medios escritos, etc.
Os integrantes de Trabalingua, asociación ligada á Universidade de Vigo, buscan dar unha volta de porca, irónica e humorística, cara á concienciación e normalización da lingua galega no seu uso público, solicitando para iso a axuda de persoas alleas á agrupación para denunciar estes erros. Co obxectivo de incentivar a participación no concurso, a asociación outorgará un premio á fototrabada que máis apoios reciba nas redes sociais. En definitiva, búscase unha meirande participación da sociedade galega e, sobre, todo a posta a punto do seu ollo crítico.
Como dixemos, a iniciativa ten piares firmes sobre as plataformas dixitais. Así nolo contan os responsables do concurso: “Cada vez que vexades algún uso indebido do galego, ou a súa ausencia en calquera das administracións públicas, tirade unha foto e compartídea connosco a través do Facebook, do Instagram ou do Twitter”. Despois farase unha escolma de todas as imaxes recibidas a través das diferentes plataformas xuntándoas nun álbum de Facebook. Esta recompilación, sinala Trabalingua, resulta “esencial para a votación e a escolla da persoa gañadora, xa que serán os propios usuarios que frecuenten a páxina en Facebook da Asociación Trabalingua os que decidirán a fototrabada merecedora do premio”. O prazo remata o 2 de febreiro, data na que se pecha tanto a recepción de fototrabadas como a votación.
Trabalingua, informa a Universidade de Vigo, é unha asociación que xorde a partir dun grupo de estudantes que se decatan do seu interese común pola lingua galega despois de acudiren ás primeiras Xeiras da lingua en abril de 2009, organizadas polos Comités. A partir de aí, os seus membros traballan arreo para poñer en valor a lingua e a cultura galegas e para concienciar á sociedade sobre o seu bo uso.
Trabalingua tira proveito das redes sociais para o seu concurso de cazapos galegos: FotoTrabadas
Compartir Este Artigo
