Boa parte das nosas persoas maiores non só teñen interese nas novas tecnoloxías, senón que tamén amosan inclinación por empregalas a fondo. Unicamente hai que procurar e achar as cuestións que lles axuden a entender a Sociedade do Coñecemento en toda a súa dimensión: o elemento familiar de utilidade que achegue luz sobre o todo. Así o entende a Deputación de Lugo, que anunciou a posta en marcha da programación dirixida ós maiores do INLugo para o primeiro trimestre do ano e que comezou co curso Coñece o teu ordenador. No inicio de actividades participou o deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos. No ciclo que abre o programa están inscritos unha ducia de maiores que reciben xa nocións básicas para axudalos a enfrontarse a un computador e sacarlle ó máximo partido.
O obxectivo destes cursos, informa a Deputación, é que os maiores lles perdan o medo ás TIC, polo que “todos son eminentemente prácticos”. No que comezou este luns, Coñece o teu ordenador, os participantes manexaron o seu equipo informático dende o primeiro intre para adquirir logo soltura a través de “exercicios e xogos sinxelos”. O curso servirá para animar ós maiores a que empreguen o ordenador na súa vida diaria, mellorando as súas comunicacións e aumentando a súa autonomía, engade o órgano provincial.
Informar tamén que este martes 14 de xaneiro, de 16:30 a 18:30 horas, celébrase un obradoiro de estimulación cognitiva coa Wii. Segundo explican fontes da Deputación, de usarmos os xogos axeitados, a videoconsola resulta “unha excelente ferramenta para traballar capacidades como a memoria, a percepción, a análise, o cálculo e a agudeza”. E engádese: “Os maiores que participan neste obradoiro aprenden a manexar as novas tecnoloxías, ao tempo que se divirten xogando”. A entidade provincial convocou tres obradoiros con Wii e un con Xbox, dous son de estimulación cognitiva e outros dous de estimulación motriz e funcional.
As actividades programadas polo INLugo para o primeiro trimestre do ano inclúen 25 cursos e obradoiros TIC dirixidos a maiores. Ofértanse un total de 312 prazas en accións formativas de variada duración e temática coas que os participantes aprenderán a manexar o seu ordenador, tablet, teléfono móbil ou videoconsola. Segundo os docentes que participan, estes cursos tamén fomentan a sociabilidade dos maiores, xa que relaciónanse con outros alumnos e melloran as súas comunicacións con familiares e amigos a través de Internet. As actividades son completamente gratuítas e para apuntarse ou consultar a programación completa só teñen que entrar na web da Deputación.
A Deputación de Lugo organiza este trimestre un amplo programa de actividades TIC para os nosos maiores
Compartir Este Artigo
