NetApp publicou estes días as súas previsións e tendencias para 2014. O repaso do futuro feito pola empresa de aplicacións “son unha ollada as tendencias que terán maior pegada no sector, como flash, computación na nube e a definición por software”. O estudo acompáñase dun reconto dos feitos máis salientables de 2013 e das previsións que finalmente se converteron en realidades, que as houbo. Segundo a compañía, o ano que nos vén de dar a benvida será o ano da evolución da nube cara a unha nube híbrida con ofertas de servizos tecnolóxicos claramente diferenciadas. Os clouds híbridos, sinálase, converteranse na visión dominante en tecnoloxía empresarial. En virtude disto, rematarase “a tensión dentro do departamento técnico para avanzar cara ao cloud, xa que as organizacións entenderon a necesidade dun modelo híbrido para dar servizo á súa carteira de aplicacións”.
Así, os directores de información ordenarán a súa carteira de aplicacións en función de cales deben estar controladas na súa totalidade (clouds privados nas instalacións), parcialmente controladas (clouds públicos de empresa) e cargas de traballo transitorias (clouds públicos a hiperescala), e aquelas adquiridas como SaaS. O departamento técnico asumirá o papel de axente de servizos en todos estes diversos modelos de servizos da nube. Igualmente, porase ao descuberto a necesidade de mover de xeito doado os datos de aplicacións entre os servizos na nube e aprovisionar capacidades de servizo de almacenamento de forma constante entre os diferentes modelos.
Entre as previsións tamén se inclúe un medre importante no mercado de flash, que crecerá agora que as empresas de almacenamento convencional “comprenderon a importancia desta tendencia en tecnoloxía”. Así, sinálase, “a batalla entre o almacenamento tradicional e as ofertas all-flash de vangarda terá ao seu vencedor entre aqueles que mellor habiliten aos seus clientes para pór en marcha o nivel correcto de rendemento, fiabilidade e capacidade de adaptación en función das súas necesidades e cargas de traballo específicas”.
Por outra banda, tamén se prevé o espallamento do papel de provedor de servizos entre os profesionais TI. Así o explica NetApp: “A medida que os directores de información moven a xestión da súa carteira de servizos na nube, ollan aos seus departamentos internos de tecnoloxía como outra opción de servizos, polo que toda a tecnoloxía dunha empresa considerarase cloud privado e as expectativas de resposta ao negocio, a competitividade de custos e os acordos de nivel de servizo compararanse con opcións de cloud externos”.
Entre as restantes previsións, figuran tamén a evolución dos compoñentes de infraestrutura (impúlsase a versión virtual dos compoñentes de infraestrutura, sendo os elementos virtuais máis valorados os que se integran limpamente coa rede e sistemas de almacenamento físicos existentes), a consolidación do OpenStack (que se convertirá na alternativa aberta aos produtos comerciais para a orquestración do centro de datos, consolidándose OpenStack como a tecnoloxía de código aberto para a empresa con máis éxito dende Linux), a adopción dos 40 Xb Ethernet nos centro de datos (largura de banda maior para permitir que se mova máis información a máis velocidade e de xeito máis doado) e a evolución do almacenamento en clúster (infraestruturas converxentes para o acubillo de obxectos, bases de datos en memoria).
A maiores, sinálase no informe, varias tendencias tecnolóxicas xurdidas en 2013 continuarán a medrar. Como por exemplo o devandito almacenamento en clúster. Así, sinálase, “a infraestrutura converxente convértese no alicerce máis importante da infraestrutura do centro de datos, ao mesmo tempo que crece a adopción do almacenamento de obxectos e que as aplicacións que rendibilizan as enormes posibilidades dos obxectos de datos gañan en visibilidade”.
NetApp confirma que 2014 será o ano da nube híbrida
Compartir Este Artigo
