
En resumidas contas, o que nos depara 2014 é a supremacía do código aberto nos dispositivos (con Android pegando aínda máis forte e con Ubuntu for Phones e Firefox OS pedindo paso) pero tamén nos supercomputadores, “con participantes novos e enfoques interesantes nesas áreas”. Asemade, haberá máis presenza de software libre nas administracións, agora que se conta co exemplo do Concello de Múnic, que completou en 2013 a súa migración integral a LiMux, que é unha modalidade de Linux desenvolvida de xeito específico para a cidade xermana, un proceso que precisou de dez anos de traballo e que está a ser cualificado por analistas de todo o mundo como exemplar, en boa medida polos aforros e os parámetros de eficacia e rendibilidade que a migración vai implicar para as arcas do Concello e para a cidadanía. En España, Eldiario.es lémbranos o caso de Valencia, que trocou o software de oficina tradicional por LibreOffice, en aras da independencia tecnolóxica (e tamén para aforrarse 1,5 millóns de euros ao ano en licenzas de software); e en América temos o caso exemplar de Uruguai, onde se promulgou unha lei, a finais de 2013, que obriga calquera organismo dependente ou ligado ao Estado a “distribuír toda a información en polo menos un formato, estándar e libre” e a promovelo na educación.
A nivel empresarial, IBM anunciou o investimento de mil millóns de dólares en Linux co fin de dar soporte aos seus supercomputadores e centros de datos. No eido do lecer, Valve xerou moita información nos medios con SteamOS, un sistema operativo para videoxogos cimentado en Debian, baseado á súa vez sobre Linux. Pola súa banda, a empresa Canonical, creadora de Ubuntu, anunciou Ubuntu for Phones ou Ubuntu Touch, un sistema operativo móbil que ofrece aos programadores a posibilidade de crear aplicacións con tecnoloxía web, pero tamén aplicacións con código nativo. A maiores, 2013 acubillou o lanzamento oficial de Firefox OS, sistema operativo móbil desenvolvido con estándares web e seguindo as metodoloxías tradicionais da Fundación Mozilla. O resultado é unha ferramenta que pode dar moito servizo en dispositivos de gama baixa, principalmente en países en vieiros de desenvolvemento.
O ano 2014 será tamén, se nada o impide, o ano de afianzamento da moeda virtual creada por Satoshi Nakamoto, a bitcoin. Lembrar que unha bitcoin non ten presenza física, senón que se basea nun software e nun programa en código aberto e non está abalada por ningún organismo oficial centralizado, como é o Goberno dos EE.UU. (no caso do dólar) ou o Banco Central Europeo (no caso do euro). As bitcoins pódense adquirir nun mercado de divisas virtual ou mercándollas a un vendedor delas. Segundo explicou recentemente na nosa terra o profesor na Universidade San Pablo CEU de Madrid, o galego Abraham Otero, estas moedas créanse en números de 25 cada dez minutos e coa resolución dun problema matemático, tendo unha taxa de creación constante que imita o funcionamento dos recursos naturais. Asemade, cando se chegue aos 21 millóns de bitcoins deixaranse de crear máis, deixarase de producir riqueza para pasar a empregarse esta moeda só para o intercambio.
O ano 2014 será o ano do pulo definitivo do software libre en dispositivos, computadores e administracións
Compartir Este Artigo
