Apple anunciou a retirada unha aplicación para nenos sobre cirurxía estética. Con este anuncio, o xigante da informática quere deixar claro unha vez máis que na súa tenda en liña hai un criterio estrito que aplicar, e que nin os contidos eróticos nin aqueles que acheguen costumes e prácticas prexudiciais para os cativos teñen acubillo na plataforma de distribución. A ferramenta retirada responde a este último grupo e consiste nun recurso para realizar intervencións de mellora estética en bonecas Barbies.
A aplicación Plastic Surgery & Plastic Doctor for Barbie Version, de Corina Rodriguez, está destinada a nenas e nenos de máis de 9 anos. O cometido de quen xoga é axudar á boneca a rebaixar graxa e pór en práctica medidas máis eficaces ca unha simple dieta.
A ferramenta, de balde e acabada de estrear (foi lanzada hai unha semana) recrea o traballo dunha clínica de operacións de estética dirixidas a converter ás pacientes en rapazas “delgadas e belas”. O servizo foi moi criticado nas redes sociais, e tamén por parte da organización Everyday Sexism Project, que puxo sobre aviso a pais e nais sobre os ricos de achegar un recurso coma este aos seus fillos, un recurso no que prevalecía un ideal de estética que desbotaba calquera beneficio que puidese ter unha dieta e uns hábitos de vida saudables. Ademais, acusouse de sexista e de fomentar un estilo de vida baseado na superficialidade. A organización fixo campaña para que os distribuidores de Internet retirasen o produto das súas tendas, conseguindo a aprobación de Apple.
Apple retira unha aplicación sobre cirurxía estética sobre bonecas Barbie
Compartir Este Artigo
