O Consorcio da Zona Franca de Vigo celebrou este mércores o seu pleno e deu a coñecer en parte os resultados de 2013 (algúns moi vencellados á cuestión tecnolóxico-dixital) e máis os investimentos executados nese exercicio. A xuntanza, presidida polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, contou coa presenza de Teresa Pedrosa, delegada do Estado da Zona Franca, quen fixo saber que as contas presentadas achegan un aumento de catro millóns de euros na cifra de negocio, incremento debido en boa medida á inclusión de vendas de chan por importe de 3,2 millóns de euros e por aumentos nos ingresos por arrendamentos.
Pedrosa engadiu que 2013 foi un ano de apoio ás novas empresas e á innovación, “un ano de planificación de proxectos para contribuír á competitividade das empresas instaladas nos polígonos de Bouzas e Balaídos”.Os investimentos executados en 2013 ascenderon a 7 millóns. No seu informe de xestión, a delegada informou tamén do éxito da primeira edición do programa de aceleración de empresas VíaVigo, que xa seleccionou aos dez mellores proxectos e que agora deberán constituír as súas empresas. A estes proxectos, explicou, Vigo Activo achegará entre 25.000 e 40.000 euros a cada un deles. A idea, dixo, é convocar a segunda edición de VíaVigo antes da vindeira primavera.
Pedrosa tamén informou que para seguir avanzando no proxecto de instalar na cidade galega un viveiro especializado na transferencia de tecnoloxía aeroespacial ás PEME (proxecto chamado SBAI, Spain Bussines Aeroespace Incubator), asinouse en 2013 un segundo convenio para a posta en marcha do dito acubillo empresarial cun importe de 2,5 millóns de euros. Deles, o Consorcio achega 500.000 euros (un 20%) e a Fundación Incyde o 80% restante con cargo ao Programa Operativo FEDER 2007-2013. “O viveiro”, sinalou Pedrosa, “sería titularidade do Consorcio aínda que, debido á peculiaridade e complexidade da xestión posterior, Incyde e o Consorcio comprométense a realizar a xestión conxunta”.
O pleno tamén coñeceu que unha vez rematada a primeira edición da Factoría de Innovación e, “en vista do grao de satisfacción e cumprimento dos obxectivos propostos”, a Escola de Organización Industrial, a Universidade de Vigo e o Consorcio poderían formalizar un novo acordo para levar a cabo unha segunda edición. Tendo en conta xa o traballo realizado, parte do cal empregaríase nesta segunda edición, o orzamento previsto fixouse en 185.000 euros. O Consorcio achega 32.000 euros, a Universidade de Vigo, 5.000 euros e a EOI o 80% restante, que ascende a 148.000 euros.
O Consorcio da Zona Franca de Vigo informa de novos folgos para VíaVigo e o viveiro de tecnoloxía aeroespacial
Compartir Este Artigo
