Roberto Méndez Domínguez, enxeñeiro informático pola Universidade da Coruña, presentounos esta fin de semana unha interesante iniciativa tecnolóxica que ten entre mans para favorecer o coñecemento que temos dun lugar concreto e, sobre todo, para saber a ciencia certa cando estamos nese lugar e cando saímos del. Máis polo miúdo, trátase dunha aplicación para Android que consiste nunha alarma xeolocalizada. Este aviso pode programarse para que se active cando entramos ou saímos dunha zona determinada. Segundo nos conta Roberto, polo de agora a ferramenta só está dispoñible en Android, “xa que en iOS teñen de forma nativa a devandita opción”. Con todo, sinala que esta forma nativa en iOS non funciona como sería de desexar.
Volvendo ao que nos presenta Roberto, dicir que a achega da que estamos a falar chámase WakeOnDest e baséase nunha demanda concreta: a de milleiros e milleiros de usuarios que xa non están dispostos a pasar de longo do emprazamento ao que desexan chegar. E máis se temos en conta o gran potencial de servizo que achegan hoxe en día os dispositivos móbiles de última xeración. Porén, malia esta potencialidade e malia a gran cantidade de servizos que ofrece Google nas novas revisións de Android, aínda non existía un recurso como WakeOnDest na listaxe de aplicacións ligadas ao buscador e o seu sistema operativo para móbiles.
A aplicación de Roberto Méndez, natural de Vigo, diríxese pois a poñernos sobre aviso do noso punto de destino e todo a través dunha ferramenta de balde que “en boa medida funciona como o compañeiro de asento no tren ou no autobús ao que lle pedimos que nos esperte ao chegar á nosa parada”, cóntanos Roberto. WakeOnDest, engade, ofrécenos unha interface sinxela composta por un mapa no que podemos buscar calquera destino e unha vez atopado, engadir unha alarma e un radio de metros. Podemos elixir a cor do marcado para o caso de que teñamos varios emprazamentos superpostos, e así non sermos présa das confusións. A alarma porase en activo cando entremos ou saiamos do radio indicado do lugar que nos interese, por exemplo unha parada de metro.
Podemos elixir, entre outras opcións, que a alarma soe ao chegar ou ao saír, o ton da alarma, o radio máximo, o radio de aviso, a cor por defecto dos marcadores, etc. “A aplicación”, explica Roberto, “resulta útil para aqueles que se moven con frecuencia no transporte público, pero tamén pode ter outras utilidades como lembrarnos algo que temos que facer ao chegarmos ao traballo, ou entregar unha tarefa ao profesor ao chegar ao instituto”. É recomendable, por outra banda, deixar o GPS activado para que o dispositivo forneza da maior precisión posible no seu labor de localización. A día de hoxe, Roberto está a preparar a versión segunda da aplicación, que incluirá melloras solicitadas polos usuarios. Trátase, di, “dunha utilidade en constante evolución”.
WakeOnDest, unha aplicación galega para Android que nos avisa cando entramos ou saímos dun lugar que nos interese
Compartir Este Artigo
