A web de Turismo de Galicia, turgalicia.es, vén de obter un importante recoñecemento. E máis se temos en conta que a orixe da distinción está nun estudo universitario independente xerado ao abeiro da Universidade Pompeu Fabra, estudo no que se cualifica á dita páxina galega como a mellor de todas as administracións autonómicas. O dato en cuestión figura no informe Sitios web turísticos das comunidades autónomas españolas, coordinado pola dita institución académica emprazada en Barcelona.
O informe foi publicado este mes de xaneiro e nel saliéntase a web galega “en tódolos parámetros da análise”. Ademais, reflicten os propios responsables de Turismo de Galicia, perfílase como “un sitio web atractivo, de doada consulta e eficaz, no sentido que resulta persuasivo para os usuarios”.
Por outra banda, tamén se fai saber na investigación que a web de Turismo de Galicia “sobresae na súa calidade técnica e revélase como un exemplo a seguir no xeito en que concibe os seus textos e as súas imaxes para que acheguen razóns obxectivas e emocionais para visitar o destino”. Por outra banda, saliéntase no estudo o bo comportamento do portal galego en imaxe de marca e comunicación móbil, en ámbolos dous casos “moi por enriba da media”.
O portal turgalicia.es, o mellor de todas as comunidades autónomas
Compartir Este Artigo
