Weplan, unha ferramenta que avalía e amosa a tarifa e o operador que mellor acae ás nosas necesidades, vén de ser obxecto dunha remodelación dirixida a poñernos as cousas aínda máis doadas para saber que produto ou servizo das operadores son os máis axeitados. Con esta actualización, sinalan os responsables de Weplan, engádense seis novas operadoras ás que previamente abranguía o servizo, incluíndo agora tres grandes compañías de telefonía móbil de España: Vodafone, Movistar e Orange. Segundo se informa, en virtude desta nova versión poderemos contratar todas as tarifas destas empresas con descontos de ata o 25% nun número determinados de aquelas.
Amais das tres devanditas compañías, intégranse na aplicación as ofertas de Amena, Tuenti e Simyo que se unen todas elas ás oito engadidas en orixe: Masmóvil, Pepephone, Ono, Jazztel, R Móbil, Hitsmobile, Racctel e Yoigo.
Ademais dos grandes operadores, Weplan tamén incorpora todas as tarifas de telefonía móbil que ofrecen un terminal en concreto, informando o prezo real final para o usuario. A aplicación introduciu na súa base de datos máis de 100 terminais de 12 fabricantes diferentes que os usuarios “poderán adquirir con descontos exclusivos”, infórmase.
Como lembraremos, Weplan é unha aplicación que analiza as chamadas, conexións e mensaxes que fai o usuario desde o seu smartphone, ofrecéndolle a tarifa e o operador “axeitados” e permitindo nalgúns casos contratar directamente a tarifa elixida (incluíndo a posibilidade de contratar tarifas planas de móbil e banda larga no fogar, desde o mesmo móbil con só premer un botón). A día de hoxe o número de descargas da ferramenta anda a rentes das 100.000 en Google Play, onde ten unha valoración de 4,5 sobre 5.
Weplan xa permite contratar tarifas de Vodafone, Movistar e Orange
Compartir Este Artigo
