A Fundación Vodafone España organizou este pasado luns o acto de entrega dos seus premios anuais á Innovación en Telecomunicacións, que nesta sétima edición resolveuse en tres galardóns dotados con 20.000 euros cada un; un accésit, dotado con 10.000 euros, e unha mención especial. A cita celebrouse no Moll de Barcelona (World Trade Center) e foi presidida por Felip Puig, Conseller d´Empresa i Ocupació da Generalitat de Catalunya e o presidente de Vodafone España e a súa Fundación, Francisco Román. Ámbolos dous deron os seus parabéns aos premiados e gabáronse do bo nivel da innovación en TIC social a nivel estatal.
O xurado estivo integrado por diversos especialistas en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Á hora de escolmar as mellores iniciativas valoraron sobre todo aquelas propostas de meirandes interese, novidade, accesibilidade e deseño para todas e todos, así como polo carácter innovador en TIC.
Os galardóns da presente edición recaeron no proxecto DOA, Detección de Obstáculos Aéreos, na categoría premio ao desenvolvemento de aplicacións Mobile for good, desenvolvido polo Laboratorio de Investigación en Visión Móbil (MVRLab) da Universidade de Alacante e a Empresa Neosistec, e que consiste nunha solución de mobilidade para invidentes baseada en dispositivos móbiles; Cruz Vermella Española, que recibiu o premio ao proxecto de innovación TIC por AAV, Autoxestión da Actividade Voluntaria, unha iniciativa que busca favorecer a dispoñibilidade do voluntariado da dita organización sen arela de lucro; e a empresa GreenBoxSpain, que recibiu a distinción na categoría de emprendedor social TIC, pola súa achega Greenbox, un desenvolvemento que aborda o sector da reciclaxe mediante un sistema de reverse vending.
O xurado decidiu outorgar un accésit especial ao proxecto Piktoplus, presentado por Limbika Assistive Technologies, que consiste nun sistema de comunicación aumentativa e/ou alternativa (SAAC) baseado en pictogramas.
Por último, decidiuse conceder unha mención especial á Fundación CNSE pola “súa constancia no uso das novas tecnoloxías para cumprir a súa misión”.
A Fundación Vodafone España celebrou a entrega dos galardóns desta sétima edición en Barcelona “en recoñecemento ao carácter innovador das institucións catalás e ao apoio recibido por parte da Generalitat de Catalunya en proxectos de carácter empresarial e social”, fixo saber a operadora.
Vodafone salienta o bo estado de saúde das TIC sociais na entrega dos seus premios á innovación
Compartir Este Artigo
