Será entre o 21 de abril e o 5 de maio onde se impartirá o curso gratuíto Introdución ao Community Management organizado pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e levado a cabo na Casa das Campás. “Internet cambiou o noso xeito de actuar como consumidores. Antes para mercar algo ías a unha tenda, preguntabas e tomabas unha decisión. Hoxe en día, consultas na Rede o que vas facer, ata na propia tenda podes comparar prezos co móbil”, salientaba Marta Crespo, a community manager que impartirá este curso gratuíto, aberto tanto á comunidade universitaria coma a todas as persoas interesadas, que poderán preinscribirse entre o 9 e o 16 de abril a través da plataforma Bubela.
De certo que o mundo empresarial non pode permanecer de costas á importancia desas novas canles de comunicación e aí entra en xogo a figura do community manager, unha persoa que coñece as “ferramentas e os métodos axeitados para operar nas redes sociais a nivel empresarial e que é, coma quen di, o intermediario entre a empresa e o cliente”, explicaba Crespo. De aí que esta nova figura profesional se teña convertido nunha “importante saída laboral e nunha opción de futuro á hora de completar formación e abrirse as novas opcións profesionais para traballadores de calquera perfil”.
Engadir, por último, que dende unha óptica empresarial, o manexo das redes sociais non pode limitarse a crear un perfil en Facebook ou en Twitter e comezar a publicar, senón que é preciso coñecer en profundidade as ferramentas precisas para xestionar e potenciar a actividade nestas novas contornas ou saber elaborar un plan de Social Media, que son os contidos nos que se centrará o programa deste curso.
O campus de Pontevedra organiza un curso para salientar as redes sociais de cara ao éxito empresarial
Compartir Este Artigo
