Cada pouco hai vídeos e informacións que axitan as augas da Rede os días pasados asistimos á aparición dun vídeo e unha información complementaria sobrados deste potencial. A temática non deixa a ninguén indiferente: na peza audiovisual ponse de manifesto a aparición dun obxecto na Lúa que sobre o papel non tiña por que estar alí, e máis se temos en conta que se trata dunha figura perfectamente triangular que destaca, pola súa feitura, no ensarillado natural de rochas e outeiros da superficie do satélite. O caso é que o vídeo está a espertar interesantes reflexións sobre a existencia de vida extraterrestre.
Na peza en cuestión avalíase e amósase un obxecto de feitura triangular a través das xanelas ao satélite que fornece o servizo Google Moon, equivalente ao Google Earth do dito buscador pero centrado na superficie do satélite que orbita sobre as nosas cabezas. Ou sexa, que as continuas pescudas levadas a cabo ao longo e ancho do mapa da Lúa polos internautas remataron finalmente en sorpresa: a aparición dunha cousa que non semella feita polo traballo fortuíto dos elementos. O internauta que fixo este achado compartiu logo o descubrimento coa comunidade de YouTube. Hai algúns internautas que loxicamente falan de que se trata de algo natural ou dun fallo do servizo de Google, e outros apuntan a que se trata dunha base secreta, feita polos seres humanos. E claro, hai tamén quen se inclina pola opción extraterrestre: podería tratarse, din, dunha nave abandonada. Os expertos sinalan que polo visto as imaxes non foron manipuladas. Segundo se conta na nova reflectida polo Daily Mail, a formación descuberta ten uns ángulos moi regulares e uns promontorios circulares en sete puntos da cuña triángulo, todo perfectamente trazado, o que fai pensar no deseño feito por unha forma intelixente.
Un obxecto atopado na Lúa a través de Google Moon xera debate na Rede
Compartir Este Artigo
