Nokia vén de dar a coñecer os gañadores do seu certame Nokia Create, dirixido a salientar a creación de aplicacións e a subliñar as mellores achegas a nivel internacional. O concurso, que propuxo quince misións e retos aos participantes, resolveuse outorgando o primeiro premio aos madrileños Pablo Moncunill e Joe Fernández, responsables de Pikura, unha aplicación que en palabras do fabricante de dispositivos “rompe co concepto de app de fotografía móbil que coñecementos ata o de agora, ademais de ser un importante servizo que xunta a posibilidade de compartir imaxes con elementos propios dos videoxogos e sen descoidar o factor deseño”.
Por certo que os deseñadores Anna Morlans e Roger Serrat, os dous cataláns (de Barcelona), obtiveron un importante galardón na modalidade Do Good grazas a The Funnies, unha aplicación de seu especificamente feita para nenos con diversidades funcionais relativas á vista. Segundo apunta Nokia, no certame participaron desenvolvedores de máis de 76 países en 8 categorías diferentes con aplicacións para Windows Phone, ou actualizacións para as xa creadas. Os gañadores contarán co apoio para a promoción das súas aplicacións a través das diferentes canles de Nokia: desde a súa presenza en MWC, a promocións na tenda Windows Phone, ou recibindo créditos para as súas campañas.
Lembrar que Nokia Create é un concurso mundial cuxo obxectivo é desenvolver aplicacións para Nokia Lumia e Windows Phone 8. Os paquetes de premios inclúen viaxes con gastos pagos a Mobile World Congress, dispositivos, promocións, dotacións económicas para campañas publicitarias “e moito máis”, engade Nokia. Tamén se poden gañar puntos de experiencia (XPs) en DVLUP e obter recompensas por rexistro.
A aplicación Pikura creada por dous desenvolvedores madrileños, gañadora do Nokia Create
Compartir Este Artigo
