Que a distancia xeográfica xa non é unha barreira á hora de comunicarnos é un feito. Fican lonxe eses tempos nos que había que pór unha conferencia para falar con outro país e agardar o tempo estimado para levala ao seu fin. O presente é ben distinto, e todo grazas á tecnoloxía e a un dos seus grandes inventos: o teléfono móbil. Con este aparello a comunicación fíxose posible en condicións antes impensables, pasando a converterse nunha plataforma de contido multimedia estando -coa chegada dos smartphones e as redes de alta velocidade- os usuarios máis conectados que nunca cos seus servizos favoritos de Internet.
Arestora o móbil estase a converter en algo máis que unha canle de contacto entre persoas, estamos a referírmonos a unha verdadeira revolución tecnolóxica, pois coa eclosión das comunicacións machine to machine (M2M) ou NFC, todo aquel que o desexe terá acceso a numerosos servizos a pé de rúa como o sistema de pagamento por móbil do que falaremos polo miúdo de seguida.
Este servizo conta cun potencial indiscutible, segundo din algúns expertos: case 400 millóns de usuarios a nivel mundial empregan o seu móbil para realizar compras. Esta cifra multiplicarase por sete en 2017. En canto á realización de pagos ou transaccións a través do móbil, afírmase que entre os anos 2012 e 2017 o volume e o valor das transaccións móbiles globais medrará a un ritmo anual do 35%, con máis de 450 millóns de usuarios en 2017.
É por iso que Vodafone decidiu adiantarse hai unhas semanas ás predicións co lanzamento de Vodafone Wallet, baseado na tecnoloxía NFC. Sendo deste xeito o primeiro operador en dar o paso na nova dimensión do móbil: posibilitar aos usuarios interactuar de xeito doado, seguro e rápido cos elementos físicos da súa contorna (TPV”s, tornos de acceso, postes de información) con só o xesto de achegar o seu móbil.
Vodafone Wallet é unha aplicación que insire cartóns de pagamento, acceso e fidelización dos usuarios no seu smartphone. Un novo modelo de comercio móbil que sen dúbida revolucionará a maneira na que mercamos, empregamos o transporte, accedemos aos nosos fogares ou oficinas e, en xeral, a nosa vida cotiá.
Para que esta nova tecnoloxía teña éxito, Vodafone Wallet nace cun espírito aberto e colaborativo, para que todos os provedores que queiran empregala poidan facelo, achegando así os seus servizos a clientes a través do móbil. A primeira industria que se beneficia desta plataforma é a dos medios de pagamento, pero prevese incorporala en 2014 a outros sectores como o transporte, acceso, cupóns ou programas de fidelización.
O comercio móbil tradúcese en algo tan sinxelo como ir facer calquera compra, sacar o móbil e pagar con só achegar o teléfono ao TPV. Isto é posible xa grazas á solución Vodafone Smartpass, froito dun acordo con Visa Europe que permite o pagamento con móbil con cartón Visa prepago en calquera dos máis de 300.000 establecementos con terminais de puntos de venda contactless que existen no noso país. E todo isto sen esquecer que se trata de operacións seguras e protexidas, para tranquilidade do usuario.
Esta solución non só supón un fito en innovación para o usuario senón que reposiciona ao noso país á vangarda en tecnoloxía, xa que España pasa a converterse no primeiro mercado onde un operador europeo habilita esta plataforma de pagamento móbil con estándar GSMA.
Vodafone Wallet, o adeus ás billeteiras
Compartir Este Artigo
