O pasado sábado día 1 rematou finalmente o proceso de elección da xunta de goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG). A xunta electoral proclamou elixida a única candidatura presentada aos devanditos comicios. Trátase, informan fontes do colexio, dunha directiva de espírito continuísta (de feito conta de novo coa presenza de Marcos Mata no cargo da presidencia) que incorpora ao proxecto a catro novas persoas. A xunta directiva está conformada por Marcos Mata, presidente, Juan Luis Miguéns, secretario, Rocío Colmeiro, vicesecretaria, Edgar Rodríguez, tesoureiro, Anxos Cabado, vicetesoureira, e os vogais Miguel abal, Fernando González, Juan Carlos Mira e Xosé Rial.
Lembra que o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia é unha das entidades máis representativas da nosa terra en materia de divulgación e formación TI, defensa da profesión informática e establecemento de pontes de colaboración cos restantes axentes, galegos e nacionais, no pulo común da Sociedade da Información. Leva en activo dende 2007 e o seu obxectivo, máis en detalle, é “organizar, protexer, mellorar e velar por un axeitado exercicio da profesión”. Máis polo miúdo, o colexio serve como garante de que o exercicio da profesión se axuste ás normas e ás regras que aseguren a eficacia e a eventual responsabilidade de tal exercicio. Recentemente, para que nos fagamos unha idea do seu cometido e liñas principais de traballo, organizou a terceira edición das Xornadas de Informática Xudicial (un importante e ambicioso evento participativo onde se intercambiaron experiencias e puntos de vista sobre seguridade en Rede e novos retos tecnolóxicos da Xustiza) e convocou o Curso Práctico de Peritaxes e Informática Forense.
Marcos Mata, de novo á fronte do CPETIG
Compartir Este Artigo
