
Segundo nos lembra a Axencia, o proxecto Videoguard está desenvolvido por un consorcio de empresas tecnolóxicas integrado por Coremain, Bastet Enxeñaría, TRC, Retegal, e coa participación do Centro Tecnolóxico Gradiant, cun investimento de 1,8 millóns de euros, financiados con fondos do programa Innterconecta a través da Consellería de Economía e Industria e o CDTI. Estes detalles e o alcance do proxecto foron expostos este martes 4 de febreiro perante os medios de comunicación pola conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, a directora da AMTEGA, Mar Pereira, o director xerente de Retegal, Jose Ángel Abeal, e o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela. A presentación do proxecto desenvolveuse no porto de Vilagarcía. No acto participaron tamén os representantes da consorcio empresarial. Alí fíxose saber que “o sistema permitirá detectar embarcacións en zonas de porto e rías, así como persoas en zonas de praia, rochas e bateas en horario de día ou nocturno”. A plataforma de Videoguard está deseñada para dous posibles emprazamentos. Por unha banda, un escenario de curta distancia con estacións de videovixilancia situadas a menos de medio quilómetro das embarcacións ou persoas a monitorizar; e por outra banda un escenario experimental a unha distancia de entre 5 e 10 quilómetros da costa para o que se empregarán as torres de telecomunicacións de Retegal. Nos dous casos, o sistema grava as imaxes da zona vixiada, analiza a información procedente das gravacións e ante a detección dunha posible infracción traslada a alarma ao centro de control e dispositivos móbiles en tempo real. O sistema almacena a información permitindo a consulta e recuperación das imaxes gravadas, informaron os responsables do desenvolvemento.
Ademais, o proxecto “garante o respecto á privacidade requirida pola LOPD no seguimento e procesado de vídeo en espazos públicos, empregando técnicas de ocultación selectiva daqueles patróns visuais que puidesen permitir a identificación de persoas e embarcacións nas gravacións”. De feito, o persoal de vixilancia poderá constatar que unha persoa ou embarcación está a cometer unha infracción pero sen poder recoñecela de forma inmediata.
Chega Videoguard, sistema de videovixilancia intelixente contra o furtivismo
Compartir Este Artigo
