Telefónica deu a coñecer esta semana un concurso para substituír integramente os 18.000 emprazamentos de antenas coas que conta a compañía, espalladas ao longo e ancho do territorio estatal. O contrato para a realización destes traballos, probablemente un dos de meirande orzamento e alcance dos que teñen achegado recentemente as operadoras españolas, poderá ascender ata os 600 millóns de euros. Isto polo que respecta unicamente aos equipamentos de radio, porque se engadimos labores complementarios, poderiamos estar falando de case 1.000 millóns de euros. O desenvolvemento dos traballos está fixado para tres anos.
O obxectivo da operadora é optimizar as súas infraestruturas para competir co resto das empresas nas mellores condicións posibles, principalmente con Vodafone, que é a case con toda seguridade ten entre mans os plans máis ambiciosos de crecemento e mellora no servizo (sobre todo a través dun plan de renovación coñecido como Spring e que será obxecto de grandes e importantes investimentos).
As catro compañías convidadas a presentar ofertas para Telefónica son Ericsson, Nokia, Alcatel e Huawei. Cómpre lembrar que ata o de agora, para a construción das súas redes 2G e 3G contou coas achegas de Ericsson e Nokia, ás que se engadiu logo Alcatel Lucent para preparar o camiño do 4G (xunto con Ericsson). Con este proceso de renovación, Telefónica busca integrar no seu seo unha empresa única por emprazamento para tódolos servizos. Dito doutro xeito: elixirase un só subministrador dunha antena para as redes 2G, 3G e 4G, e que se poidan ofrecer de xeito simultáneo servizos en cada unha das tecnoloxías.
Telefónica achega un concurso de 600 millóns para remodelar a súa rede móbil
Compartir Este Artigo
