A Aula Tecnolóxica da Universidade de Vigo ten novos cursos preparados a disposición da comunidade docente e a cidadanía en xeral, cursos que teñen o alicerce común de tentar achegar ao alumnado á creación e á xeración de contidos na Rede. Trátase, máis polo miúdo, da súa nova programación de primavera, que inclúe cinco actividades formativas para as que non é preciso ter coñecementos previos e que están a disposición dos interesados (para facilitar a súa inscrición) na plataforma Bubela. O obxectivo, como dixemos, é facer fincapé no tema da creación: amosar ao usuario como pode xerar contidos na Rede.
No deseño do programa, informan os responsables da Aula Tecnolóxica, optouse por temáticas o máis abertas posibles, “para que a formación poida ser útil ao alumnado ou ao profesorado de diferentes ámbitos”. Tamén se empregarán ferramentas de software libre para que as persoas que asistan estean en capacidade de seguir ampliando os seus coñecementos na materia. Alberto García Ariza é coordinador deste ciclo de obradoiros e tamén o responsable de impartir o primeiro deles, Processing: unha porta de entrada ao código creativo, que dará comezo este venres 7 de febreiro e no que o prazo de inscrición ficará aberto ata este mércores. Neste caso, o obxectivo da actividade é introducir ao alumnado “nos conceptos básicos da programación informática a través dunha ferramenta moi sinxela como é Processing, orientada a artistas e deseñadores e accesible para calquera persoa sen ningún tipo de coñecementos de programación”.
Este curso de 12 horas de duración verase complementado, entre o 10 e 20 de febreiro, por outra actividade centrada tamén no mesmo eido da xeración de contidos para a Rede, Introdución á programación JavaScript con jQuery, para o que está aberto a o período de preinscrición. Neste caso, será Alberto Valverde, un programador e artista multidisciplinar especializado en arte e novas tecnoloxías, o encargado de amosar ás persoas interesadas unha serie de nocións básicas de programación a través do manexo do software de código aberto jQuery.
Xa no mes de marzo, a programación trasladarase da creación ao uso de información na Rede a través de Visualización da información con Datavis, outro curso de 12 horas de duración centrado en amosar aos asistentes “os grandes avances que se están facendo en materia de visualización de datos”. O informático Juan Elousa e o deseñador Diego Fernández serán os responsables da actividade. Entre o 31 de marzo e o 10 de abril celebrarase Introdución aos fundamentos de maquetación de páxinas web con CSS, un curso de 15 horas que impartirá o deseñador Yago Gestoso dedicado a trasladar ao alumnado os fundamentos básicos de deseño e artellamento de páxinas web coa linguaxe CSS. O programa de formación pecharase entre o 21 de abril e o 7 de maio con Introdución ao Community Management, dedicado a afondar no manexo das redes sociais como unha ferramenta para a comunicación empresarial.
A Aula Tecnolóxica da UVigo lanza un ciclo de obradoiros abertos para aprender a facer Rede
Compartir Este Artigo
