Xa sabemos o número de asociacións ás que vai botar un man o Grupo de Reciclaxe Informático da Universidade de Vigo cunha achega de computadores reciclados doados libremente (en todo o senso da expresión: levan software libre). En total, estamos a falar de 24 entidades sen arela de lucro que recibirán nos vindeiros días equipos informáticos restaurados e incorporando programas abertos adaptados segundo o uso que se lles vaia dar. Estas dúas ducias de asociacións foron seleccionadas este ano nunha convocatoria “que lles dará a oportunidade de informatizarse e potenciar a súa actividade”, informa a Universidade de Vigo, á que pertence o devandito grupo (tamén coñecido como GRUVI).
A escolma dos destinatarios fíxose entre as máis de 60 solicitudes recibidas. Para levala acabo tivéronse en conta factores como o feito de non acubillar ánimo de lucro ou que centren a súa actividade nas provincias de Ourense ou Pontevedra. Tamén se estudou o seu modo de financiamento, a actividade que desenvolven e a finalidade do equipamento que solicitaban. Esta última cuestión, indican os responsables do grupo, é unha cuestión fundamental para o traballo solidario que desenvolve o GRUVI. Segundo explica o colectivo, se o equipamento vai ser empregado por rapaces, persoas maiores ou persoas con diversidades funcionais ou cognitivas, instálase o software especial Meniño, “moito máis intuitivo que o básico”, engaden. Pola contra, se hai finalidade administrativa ou contable, incorpóranse programas específicos para este tipo de tarefas.
Segundo nos lembra a Universidade de Vigo, o proceso de traballo comeza cando a Oficina de Medio Ambiente avisa aos membros do GRUVI de onde está o material obsoleto ou en desuso, entón eles achéganse a revisar cal pode ser recuperable e cal non e, unha vez seleccionado, levan ao obradoiro de seu os equipos que se poidan reciclar. Decote, este materia provén da Universidade.
A resolución dos adxudicatarios foi publicada a través da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, coordinadora da iniciativa, e inclúe asociacións de todo tipo, fin e actividade. Dende as culturais Trépia, O Fiadeiro, Traspés, Rabalexa, A Bela Auria, Percutas Omar, Fuscalho, Tesela, Arenas de Alcabre e Niña Caracol, pasando polas de acción social Abriendo Caminos, Ponte Solidario, Acción Solidaria de Galicia, A las 5 Acción Social de Emerxencia, Da man e Solidariedade galega co pobo saharaui; agrupacións de atención á enfermidade ou á diversidade como Disvalía, Fundación Integra, Asociación Gallega contra las enfermedades neuromusculares, Aixiña Ourense e Down Vigo, e as asociacións de mulleres Algueirada e a Federación de Asociacións de Mulleres Anaral e a ecolóxica Amigos da Terra. A entrega dos equipamentos realizarase cando todo o material estea recuperado e preparado para entregar.
O GRUVI prepara computadores para seren doados a dúas ducias de organizacións sen arela de lucro
Compartir Este Artigo
