Hai poucas semanas comentamos que a aplicación de comiXology para iPad conseguiu ser a de máis ingresos (distinta dun xogo) na App Store por terceiro ano consecutivo, demostrando que o mundo da banda deseñada está a consolidarse no contorno dixital, pero esta plataforma que empregan grandes editoriais como DC e Marvel ten unha grande eiva para o público internacional: as obras están na súa meirande parte en inglés. Para remediar esta situación a Marvel anuncia hoxe o lanzamento da aplicación para iOS Marvel Comics Global, un novo xeito de ler os comics de editora estadounidense en iPhone, iPod Touch e iPad en 12 idiomas entre os que están o portugués e o español. A interface da aplicación de iVerse é bastante inferior á de comiXologyEstamos ante unha ambiciosa decisión de Marvel Entertainment, que pasa así a competir directamente coas compañías que distribúen as súas obras en papel en boa parte do mundo empregando a tecnoloxía de iVerse (en vez de comiXology, o que supón unha importante perda de prestacións na aplicación), compañía coa que Marvel pechou un acordo de varios anos. Deste xeito, usuarios de dispositivos de Apple de todo o mundo que queiran facerse coas historias de Spider-Man, Lobezno, Los Vengadores e o resto do Universo Marvel teñen agora unha importante plataforma para poder gozar deses contidos na súa lingua nativa. Os comics descargados a través da aplicación poden lerse en españolAínda que a aplicación de comiXology inclúe as novidades de Marvel no mesmo día nas que saen en papel, a nova aplicación carece actualmente de novidades, e para que os usuarios poidan botar un ollo ás súas posibilidades conta no seu catálogo con 3 exemplares de balde, que son os nº 1 das series Guerra Civil, Invasión Secreta e El Invencible Iron Man. Queda agora agardar para ver como prosperan os contidos desta nova plataforma, que de gozar dun bo catálogo de novidades podería supor unha seria ameaza á venda de comics en soporte físico no noso territorio, pola comodidade do formato (da política de prezos aínda non podemos sacar conclusións, pois parece non estar definida, xa que venden a 1,79 euros exemplares con distinto número de páxinas).