O Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, infórmanos hoxe de que xa está en marcha, accesible para a cidadanía e os investigadores, o servidor de mapas de prioridades dos solos de Galicia. Esta apertura ao público da ferramenta e base de datos inclúe un modelado a moi alta solución dos factores climáticos que condicionan as propiedades dos chans. Esta iniciativa insírese no proxecto Establecemento dun sistema experto de base tecnolóxica para a cuantificación de propiedades de solos en Galicia” (EM2012/060).
A achega conta con financiamento da Xunta a través do Programa de Investigadores Emerxentes, convocatoria 2012, cuxo investigador principal é Luis Rodríguez Lado. A finalidade do proxecto, segundo informa o CESGA (que apoia os traballos centrando unha boa parte da súa experiencia no desenvolvemento e mantemento dos servizos baseados en sistemas de información xeográfica), é “establecer unha base cartográfica de propiedades de horizontes superficiais dos nosos solos, entre as que se inclúen textura do mesmo, contido en carbono orgánico e contido en metais traza”. Asemade, abránguense unha chea de datos relacionados co clima, “un importante factor que condiciona a distribución das propiedades dos chans”. Ao abeiro disto, realizouse un Atlas Climático Dixital de Galicia empregando modelos lineais non estacionarios e a moi alta resolución. Este atlas servirá de información auxiliar para a estimación da variabilidade espacial das devanditas propiedades de solos en Galicia. O resultados obtidos ata a presente data poden visualizarse xa no acubillo dixital do CESGA.
Xa está accesible o servidor de mapas de propiedades dos nosos solos
Compartir Este Artigo
