A Deputación de Lugo vén de anunciar que o Centro de Innovación Social (In Lugo) da cidade da Muralla organiza este martes a partir das 19 horas unha sesión informativa de balde encamiñada a achegar información e formación sobre metodoloxías a pór en práctica para acadar navegacións seguras. A sesión, que se dirixe sobre todo a fornecer coñecemento a persoas maiores da cidade e contorna, será impartida polo inspector Jesús López, do Corpo Nacional de Policía (Oficina de Participación Cidadá). Segundo explica a Deputación, as navegacións seguras son unha realidade ao alcance de todas e todos. De feito, sinala, “calquera internauta pode protexerse seguindo pautas sinxelas de seguridade nas compras en liña, no uso do correo electrónico e das redes sociais”.
Por certo que o obradoiro en cuestión insírese na conmemoración do Día Internacional da Internet Segura. Este ano, lembra o órgano provincial, a devandita data festéxase a nivel internacional baixo o lema Xuntos Podemos Facer unha Internet Mellor. As celebracións estenderanse a mais de 70 países de todo o mundo, sendo o seu obxectivo combater a fenda dixital a través do diálogo e o traballo entre xeracións.
Volvendo á iniciativa convocada pola Deputación, dicir que pretende aconsellar e ofrecer pautas sinxelas de seguridade na Rede. Por exemplo: non empregar ordenadores públicos nin redes Wi-Fi gratuítas, “xa que aos estafadores resúltalles mais doado acceder ós datos neste tipo de entorno”, sinalan os organizadores do obradoiro. Outras das recomendacións son as seguintes: non introducir o número de tarxeta en páxinas web de dubidosa confianza e comprobar que na barra de direccións do navegador hai un cadeado.
O centro In Lugo conmemora o Día da Internet Segura cun obradoiro informativo e de balde
Compartir Este Artigo
