Esta mañá no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, co gallo do Día Mundial da Radio, inaugurouse oficialmente a Radio campUSCulturae on line, nun acto presidido polo reitor Juan Casares e no que participaron o decano da Facultade, Xosé Pereira Fariña e os coordinadores desta primeira emisora da USC, Irene García García, Xosé A. Neira Cruz e Toni España Faqué. Na parte do público estaba presentes uns catrocentos escolares procedentes de 11 centros de ensino que resultaron finalistas do I Certame de Radio Escolar campUSCulturae.
A nova canle de radio, que emitirá a diario unha programación realizada por estudantes, profesores e persoal non docente da USC, así como por centros de ensino non universitario, colectivos de inmigrantes, asociacións e internos dos centros de penitenciaría de A Lama (Pontevedra) e Teixeiro (A Coruña), incorporará en próximas datas contidos doutras canles radiofónicas universitarias.
A nova radio comezará as súas emisións cunha grella de programación composta por 10 propostas iniciais: Metrópoles delirantes, primeiro programa radiofónico sobre banda deseñada existente en Galicia, presentado pola locutora Nieves Rodríguez e que xa leva un par de entregas que poden seguirse a través do seu podcast; ¿Claro para todos?, programa sobre lecer universitario; Neurovit, programa sobre música electrónica e ciencia; 94 voces, espazo dedicado á información de actualidade; a axenda cultural Zona O; o programa Voz crítica, de reportaxes informativas de actualidade; Generación 9.0, programa sobre a cultura e as tendencias dos 90; Al detalle, programa de monográficos temáticos; o programa infantil Abracadrabra; e Todas as mañás do mundo, espazo de viaxes por linguas, países e culturas.
A USC inaugura unha emisora de radio en liña
Compartir Este Artigo

