A empresa galega Dinahosting, emprazada no barrio compostelán de Vista Alegre e especializada en servizos de hosting web e na achega de dominios, vén de amosar as súas cifras de negocio relativas a 2013, unhas cifras que seguen a confirmar o potencial anticrise de dúas cousas ben definidas: por unha banda a actividade ligada aos recursos dixitais do coñecemento, e pola outra unha boa xestión desa actividade. Xa meténdonos de cheo nas cifras, dicir que a compañía tivo un volume de facturación o ano pasado de 10.635.137,21 euros, o que supón case un 15% máis ca en 2012. O medre medio nos últimos 5 anos está ao redor do 20%. Estes e outros bos froitos, sinalan fontes de Dinahosting, emprazan á firma santiaguesa a “afrontar o futuro con gran optimismo”.
Ademais, reforzaranse e ampliaranse as estratexias seguidas ata o de agora, tentando xerar emprego estable e “apostando pola tecnoloxía propia e polo desenvolvemento de solucións centradas nas necesidades das persoas”. Estes son, de feito, os piares da súa identidade: a atención ao cliente e a independencia tecnolóxica baseada na creatividade de seu.
Sinalar tamén que os devanditos resultados positivos apóianse nos valores obtidos en todos os produtos de Dinahosting: 231.592 nomes de dominio (+ 16,97%), 90.025 plans de aloxamento web (+ 20,62%), 1.366 VPS (+ 20,67%), 1.851 servidores dedicados (+ 12,45%) para un total 101.587 clientes. As cifras resultan positivas dende tódolos puntos de vista, non só dende o punto de vista específico do beneficio da empresa. Así, representan unha boa achega de azos para tódalas empresas galegas deste e doutros sectores, e máis tendo en conta “o contexto económico actual no que se insire a súa actividade”, sinala Belén Pontel, a directora financeira da firma compostelá.
Lembrar a maiores, na categoría de avais e distincións, que Dinahosting conta coa acreditación de organismos internacionais como ICANN ou RIPE así como o recoñecemento por parte de Microsoft como mellor Service Provider no último ano. Polo que respecta á política laboral, a empresa sinala que “continúa tendo no seu cadro de persoal un dos seus activos máis destacables, xerando emprego estable nunha situación de crise, coa contratación de novos e novas profesionais”. A día de hoxe o número de persoas empregadas pola compañía sitúase en 84. No que atinxe á política social, outro dos piares da súa actividade, dicir que en 2013 a empresa apoiou á Fundación para a Discapacidade e Emprego Xoán XXIII, á rede internacional de microcréditos sociais Kiva e ao propia comunidade na que se insire fisicamente, o barrio de Vista Alegre de Santiago (as actividades diversas que alí se xeran).
Con respecto á estratexia para o 2014 Dinahosting considera prioritario “centrar os esforzos en dispor dunha atención a clientes que saliente entre as demais empresas do sector, continuar o seu investimento en mellorar a tecnoloxía e tamén seguir conformando e mellorando un equipo de traballo que é o seu mellor activo”.
Dinahosting acada un incremento no volume de facturación do 15%
Compartir Este Artigo
