Para situacións de emerxencia (como desastres naturais) a Vodafone Foundation desenvolveu unha solución transportable en catro maletíns cun peso total de menos de 100 quilogramos que pode instalarse en menos de 40 minutos para permitir comunicacións por voz. Esta solución coñecida como Vodafone Instant Network desenvolveuse durante 47 días en Kaikor (Quenia) en 2012, servindo para realizar 264.104 chamadas. Rematado o experimento a solución creada doouse á Cruz Vermella para que puidese empregala noutras situacións de emerxencia, tras dotar á zona de infraestruturas de comunicacións permanentes. E agora, dous anos despois, anuncian a Instant Network Mini, unha evolución da solución anterior que pesa só 11 quilogramos, pode transportarse nunha mochila e a súa instalación leva só 10 minutos, o que supón un importante avance en tan pouco tempo.
A Vodafone Foundation Instant Network Mini permite ata 5 chamadas simultáneas nun radio de 100 metros, permitindo tamén o envío de mensaxes de texto a milleiros de persoas para achegar información crucial para o seguimento cunha catástrofe.
Esta rede de telefonía nunha mochila é obra de Vodafone España e a Vodafone Foundation en colaboración con Huawei e Telecomunicacións Sen Fronteiras, e crea unha rede GSM a partir dunha conexión de satélite, facilitando que milleiros de persoas poidan contactar cos seus seres queridos tras unha catástrofe natural.
Vodafone presenta unha mini-rede móbil que pode levarse nunha mochila
Compartir Este Artigo

