A multinacional de hardware IBM vén de lanzar unha competición internacional na que reta a desenvolvedores de aplicacións móbiles de todo o mundo a mellorar e ampliar as funcionalidades e capacidades de Watson, servizo de informática na nube e analítica de grandes datos. A idea básica do desafío é impulsar a dita tecnoloxía cara ao usuario, acurtando ao máximo a distancia entre a primeira e o segundo. En palabras de IBM, “queremos que as capacidades de Watson estean na palma da man das persoas”.
O certame en cuestión, IBM Watson Mobile Developer Challenge, apela á inventiva e ao potencial creativo dos desenvolvedores de software. O obxectivo, máis polo miúdo, é animalos a que creen aplicacións de negocio e consumo empregando a tecnoloxía de Watson.
A competición, que se deu a coñecer durante a feira Mobile World Congress en Barcelona, foi impulsada dende a recentemente creada unidade de negocio IBM Watson Group. En boa medida, o certame tamén se basea en abrir a porta a ferramentas baseadas en computación cognitiva, eido tecnolóxico no que precisamente se insire Watson. Este servizo e este tipo de tecnoloxía, en palabras de IBM, “representan unha nova clase de solucións e aplicacións que se diferencian por ser quen de de mellorarse a través da aprendizaxe e atopar respostas a cuestións complexas a través da análise de cantidades inxentes de datos”. E engaden fontes da multinacional, explicando os porqués do certame: “Chamamos a desenvolvedores de móbiles de todo o mundo para que comecen a desenvolver aplicacións móbiles cargadas coa intelixencia de Watson”. Para IBM, estamos ben preto de chegar a un intre histórico no que sexa posible unha nova clase de aplicacións que ofrezan a consumidores e empresas acceso ao coñecemento profundo, de maneira instantánea e alá onde estean, a través da nube”.
IBM reta a desenvolvedores de todo o mundo a ampliar a nube de Watson
Compartir Este Artigo
