Foi a pasada semana cando o reitor da Universidade da Coruña -Xosé Luís Armesto- acudía á Facultade de Informática, dentro da rolda de visitas que está a realizar co seu equipo de goberno para debater cuestións de interese para a comunidade universitaria. Entre os temas que se debateron, salientamos a posibilidade de que a universidade imparta cursos en liña, sobre o cal o reitor explicou que na Lei de Universidades aparece o ensino a distancia dentro do Sistema Universitario Galego como competencia do Goberno autonómico, pero que aínda existindo esa posibilidade, esta atopábase sen desenvolver.
Armesto convidou aos profesores a reflexionar sobre o tipo de aprendizaxe que se imparte nas aulas: “Non nos podemos limitar a impartir formación, temos que formar en competencias, ter unha atención persoal… derivado do cambio de metodoloxía da aprendizaxe que trouxo o Espazo Europeo de Educación Superior”, manifestou. No dito encontro tamén estaba presente -entre outros- o vicerreitor de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías, Julio Abalde, quen quixo afondar no exposto polo reitor ao asegurar que o ensino virtual é un apoio á formación presencial, e lembrou que a canle de televisión da Universidade da Coruña, UDCTv, amais de vídeos públicos dispón dun apartado privado para a retransmisión de sesións docentes gravadas que se poñen a disposición dos alumnos.
Emporiso, a Facultade de Informática imparte con moito éxito o Grao en Enxeñaría en Informática, que é o único título en Galicia que integra todas as especialidades existentes en España. Os alumnos que cursan este grao escollen en terceiro curso algún dos cinco itinerarios propostos. Esta situación única dificulta o proceso de matrícula, segundo se puxo de relevo na reunión, pero o reitor explicou que a aplicación de matrícula Xescampus, común ás tres universidades galegas, aínda coas súas dificultades ía progresando. Moi ligado á actividade que se desenvolve na Facultade de Informática está o Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC), que acolle a empresas e grupos de investigación do sector. Segundo salientou o vicerreitor de Investigación, o CITIC está a ter unha actividade de transferencia moi importante, como se puxo de relevo nesta xuntanza.
A UDC e a Facultade de Informática debaten sobre o camiño que seguirá o ensino virtual
Compartir Este Artigo
