Este mércores Microsoft estivo no campus de Ourense para amosar as vantaxes das súas tecnoloxías nos ámbitos da formación académica e no que vén máis alá do estritamente formativo: o mundo laboral e empresarial. Máis polo miúdo, a compañía puxo de relevo as funcionalidades do sistema operativo Windows 8 para estudantes, docentes e investigadores, unha xeira de exposicións e demostracións que se desenvolveu nun posto informativo á entrada do Edificio Politécnico. A visita de Microsoft inseriuse nunha xira máis ampla por campus de todo o Estado.
Segundo explicou a compañía, este é o terceiro ano que organiza esta actividade. Tamén fixo saber que o seu cometido concreto é achegar aos universitarios as funcionalidades do devandito sistema facendo fincapé nas vertentes que achegan para ter “unha vida académica máis doada”. Entre estas ferramentas, Microsoft salientou algunhas como SkyDrive, OneNote e Office 365, “con potencial de abondo como para axudar aos estudantes en cuestións tan diversas como facer un currículo ou acceder a documentos propios desde calquera dispositivo electrónico”, informou a compañía responsable de Windows.
Segundo conta a Universidade de Vigo, entre as persoas que se achegaron ao posto de Windows 8 estiveron Ana Garriga e Francisco Javier Rodríguez, directora e subdirector respectivamente da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. “Sempre é moi interesante que veñan a presentarnos novos produtos tecnolóxicos e que os membros da comunidade universitaria os poidamos coñecer de primeira man”, destacou Ana Garriga. “Para os estudantes da escola é importante estar ao tanto das novidades en informática e ter a oportunidade de probalas en persoa”, engadiu Francisco Javier Rodríguez.
Microsoft ofrécese para facer máis doada a vida académica dos estudantes galegos
Compartir Este Artigo
