
Engadía Aguado que “despois de 1525 órbitas de Humsat-D o seu estado de saúde é excelente”, xa que os resultados foron os agardados tanto desde o punto de vista do segmento espacial; coma do segmento terreo, relativo ás operacións e seguimento do satélite; coma do segmento usuario, entendendo por este o despregue dos primeiros sensores.
Emporiso, amais da carga de comunicacións de Humsat-D, o satélite leva tamén un medidor de radiación que está a achegar medidas de radiación cada 30 minutos, o que proporciona todo un caudal de información que está a ser avaliada polos expertos do INTA (Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial), os responsables de dita carga útil.
A xeito de curiosidade, sinalar que o Humsat-D pasa sobre Vigo cinco ou seis veces diarias, dúas ou tres delas de día, tendo cada pase unha duración de entre oito e doce minutos. Nesta liña -explican os expertos- o proceso de calibración da carga útil (aínda en activo) consistiu na caracterización das canles de comunicacións nas bandas asignadas a través de medidas de ruído, probas de recepción desde os sensores ata o satélite e de modulación dos datos no propio satélite e no posterior envío de ditos datos científicos á estación de seguimento de Vigo.
Con dous sensores de proba xa instalados -un en Vigo e outro en Brasilia- a previsión é instalar a curto prazo outros tres tamén en Brasil. Despois o seguinte paso será estender a rede de sensores a diferentes países en Europa, Asia e América . Cun custo inferior a 10 euros cada un, estes sensores permitirán recibir información do Humsat-D e no futuro de toda a constelación de satélites en calquera parte do mundo. Indo alén disto, cómpre subliñar que a equipa de Humsat-D desenvolveu unha aplicación móbil que posibilita o envío de mensaxes de textos en lugares sen redes móbiles nin Internet. Este particular sistema de mensaxería móbil está en funcionamento desde esta mesma semana. Neste senso, Alberto Muíños (un dos enxeñeiros que se encarga de facer o seguimento desde a estación terrea9 explica que “o sensor recolle os datos e transmíteos ao satélite e, cando este pasa sobre Vigo descárganse na estación e automaticamente envíase a mensaxe ao móbil de todos os usuarios rexistrados”.
Deseñado para ter unha vida útil de dous anos, os creadores do primeiro satélite demostrador da tecnoloxía Humsat, son optimistas respecto ao seu funcionamento, sobre todo se temos en conta que Xatcobeo aínda segue transmitindo despois de dous anos orbitando en zonas de moita maior radiación e variación térmica. Con Xatcobeo e Humsat-D en órbita, a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo segue de cheo na posta en marcha de Femtoxat, o primeiro fentosatélite de só 250 gramos, cuxa finalización está prevista para finais de ano.
O satélite vigués Humsat-D aproba con nota a avaliación do seu funcionamento
Compartir Este Artigo
