Onte, un bo número de usuarios dos servizos de Jazztel víronse a si mesmos coa billa deses servizos momentaneamente pechada. Os primeiros problemas rexistráronse arredor do mediodía, e pouco despois a compañía comezou a informar -vía blog de seu e redes sociais- aos seus usuarios dos problemas de servizo, co fin de que soubesen cal era a raizame do problema: a propia rede da operadora. A avaría foi solucionada pola noite, e a actividade restableceuse de xeito paulatino ata chegar ás condicións habituais do servizo ao fío das 2.00 das madrugada do xoves. A incidencia semella que está a traer cola, e non tanto polo que implicou en si mesma senón máis ben pola reacción de Jazztel.
De feito, a operadora xa informou que vai compensar a todos os seus clientes, de xeito automático, reducíndolles a súa factura en cinco euros por cada liña afectada pola dita incidencia da rede móbil. Esta medida vai significar o desembolso de máis de 6 millóns de euros, e en palabras da operadora trátase “dunha indemnización moi superior á establecida por lei. O obxectivo é paliar na medida do posible as molestias provocadas polo servizo de móbil de Jazztel, un problema que segundo informa a empresa tivo a súa raizame no miolo da rede da plataforma que mantén activa a rede, xestionada por Ericsson. Para Jazztel, é importante salientar que esta empresa, á súa vez, fixo todo o posible por restablecer canto antes o correcto funcionamento da infraestrutura.
Jazztel pagará 5 euros por cada liña afectada na caída de servizo deste mércores
Compartir Este Artigo
