O ano pasado comentábamos que a primeira chamada de teléfono móbil celebraba o seu 40º aniversario, pero ese momento só foi o disparo de saída dunha carreira para levar esa tecnoloxía ao mercado, e non sería ata o 13 de marzo de 1984 cando chegaría ás tendas o Motorola DynaTAC 8000X a un prezo de 3.995 dólares (tendo en conta o salario medio hoxe serían uns 9.000 dólares), polo que hoxe podemos celebrar que xa hai 30 anos da comercialización do primeiro teléfono móbil.
Falamos dun terminal de 33 x 8,9 x 4,5 centímetros e 800 gramos de peso, cunha autonomía de ata unha hora en conversa, chegando como un produto de auténtico luxo que, pese a ter un prezo prohibitivo, conseguiu vender 300.000 unidades nun ano, marcando o comezo dunha era na que a telefonía sen fíos conseguiu converterse nun elemento de uso cotián a nivel global, chegando incluso a penetrar en mercados emerxentes.
Tamén podemos comentar o feito de que a grande compañía innovadora do sector, Motorola, rematou tendo que venderse a Google (compañía que quixo facerse coa súa grande carteira de patentes) que hai pouco vendeu a súa división móbil a Lenovo, fabricante chinés que agora ten o control da histórica marca norteamericana.
30 anos do lanzamento do primeiro móbil
Compartir Este Artigo

