Finalmente rematou a nova edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, un evento que xunta na UVigo a estudantes e empresas na procura dun meirande diálogo e, en definitiva, dun beneficio mutuo (as empresas fichando xente nova e preparada e esta atopando un posto de traballo e dando renda solta ás súas ideas e talento). A nova entrega do foro, a número catorce, conto con representantes de empresas punteiras do eido TIC, como Imatia, Qamtum, Altia, Tecnocom e R, ás que cómpre sumar a presenza de BorgWarner, Respol, PSA Peugeot Citroën ou Altran. Tamén participou nas actividades o centro tecnolóxico Gradiant, emprazado igualmente no campus de Vigo.
O foro levouse a cabo vestíbulo da ETSE de Minas e tivo unha duración de catro xornadas. Incluíu unha vintena de relatorios, obradoiros e varias ducias de actividades en xeral, xeralmente demostracións ou xeiras de intercambio de puntos de vista entre empresas e estudantes.
En total foron 18 as empresas que participaron nesta edición do Foro Tecnolóxico, amais de centos de mozas e mozos procedentes sobre todo das escolas de Telecomunicación, Industriais e Minas da Universidade de Vigo. Na clausura do foro interveu o reitor Salustiano Mato, que estivo acompañado polo vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán e os directores das escolas de Minas, Benito Vázquez e Telecomunicación, Edita de Lorenzo, así como de Carolina Pousa, alumna encargada da organización do Foro. A derradeira xornada do evento tamén contou coa presenza activa de representantes de Imatia, Gradiant e Altia. Nesta última xeira de traballo, Carolina Pousa comentou que a valoración do acadado este ano só pode ser cualificada de “altamente positiva”, e máis se temos en conta as cifras de participación acadadas (moi elevadas) e tamén o regreso de empresas como BorgWarner ao foro, amais da fidelidade amosada por PSA Citroën, “unha compañía que atesoura unha gran significación para Vigo e a súa contorna”.
O Foro Tecnolóxico de Emprego acubillou unha vintena de relatorios e obradoiros
Compartir Este Artigo
