A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela iniciará o vindeiro día 31 de marzo dous cursos sobre a creatividade persoal e a realización de presentacións con Power Point e Prezi. A actividade formativa Desbloquéate, crea e innova tratará de ofrecer técnicas e ferramentas de desenvolvemento persoal, creatividade e innovación aos alumnos. Celebrarase ata o día 8 de abril, en horario de 20:00 a 22:00 horas e está dirixida a persoas desempregadas e traballadores en activo en busca da mellora do seu emprego, a persoas emprendedoras e empresarias con interese en atopar solucións novidosas para os problemas ou retos que xorden no seu día a día profesional, así como con necesidades de innovación.
O curso estará impartido polas empresas Coaching 10, Wayna Consultora e IN&S. Os interesados en participar terán descontos por empresas asociadas á Cámara de Comercio de Santiago e por matrículas anticipadas.
Polo que respecta á segunda as actividades, baséase nun feito que está fóra de toda dúbida: tan importante como un proxecto en si mesmo é o xeito que temos de presentalo. Sobre isto apoiarase o curso informático da Cámara de Santiago para elaborar presentacións en Power Point e Prezi. O experto en novas tecnoloxías Emiliano Gómez será o docente encargado de impartir os contidos entre os días 31 de marzo e o 10 de abril, en horario de 20:00 a 22:00 horas. As sesións están enfocadas a profesionais, directivos e cargos intermedios para os que presentar en público sexa unha parte importante do seu traballo. O obxectivo é contribuír a elevar o nivel profesional do empresariado e dos seus colaboradores en distintos eidos do negocio e mellorar a capacidade profesional adquirindo técnicas de creación de alto valor e impacto visual para chegar a unha maior audiencia.
A Cámara de Comercio de Santiago organiza cursos sobre creatividade persoal e presentacións informáticas
Compartir Este Artigo
