O vindeiro domingo, e por primeira vez no fútbol mundial, emitirase en ultra alta definición (4K) o encontro Real Madrid-FC Barcelona que chegará a todo o mundo, como primeiro paso para que a partir da vindeira tempada, a Liga BBVA poida ser a primeira liga do mundo en ser producida regularmente nesta tecnoloxía.
Antes do remate desta tempada Mediapro tamén prevé ofrecer o sinal doutros partidos en 4K, algo que ata o momento só fixera a Super Bowl norteamericana, aínda que esta aposta tecnolóxica comezará dun xeito bastante modesto, con só dúas cámaras 4K capturando os detalles máis específicos do Madrid-Barça a través dun super zoom, brindando ao espectador unha experiencia de visión de realidade aumentada. Mediapro servirá tamén aos seus clientes resumos en 4K e colgará resumos dos partidos na canle La Liga en YouTube.
O sinal do encontro chegará a todo o mundo e as principais cadeas internacionais adquiriron os dereitos do partido para ofrecérllelo aos seus espectadores. En Europa: beIN Sports Francia, Sky Sports Inglaterra, Sport1 Holanda, Belgacom, FOX Italia, Sport TV Portugal, Canal+ Polonia, CMore Suecia, etc; en Asia: beIN Sports Arabic (Oriente Medio), CCTV5 (China), Wowow (Xapón), etc; en América: ESPN e Direct TV (Sudamérica), ESPN Brasil, Sky México, beINSports (Estados Unidos); en África: Canal+ África cubrirá todo o continente; FOX Australia ofrecerá o partido para Oceanía. Outras grandes cadeas que solicitaron a personalización do sinal distribuído por Mediapro son ESPN Brasil, beIN Sports Arabic, beIN Sports USA, beINSports Francia, Direct TV, Canal+ Polonia, CMore Suecia e Canal+ África, que desprazarán os seus equipos a Madrid para realizar conexións previas e posteriores ao encontro. Mediapro montará tamén un dispositivo con 4 posicións de directo simultáneas para aquelas televisións con dereitos que queiran realizar conexións dende o terreo de xogo do Santiago Bernabéu na previa e post partido.
Mediapro inicia as emisións da Liga de Fútbol Profesional en ultra alta definición
Compartir Este Artigo
