O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura anunciaron esta semana a organización conxunta dunha xuntanza internacional sobre a nosa lingua. O evento, que se vai desenvolver no mes de setembro, ten o obxectivo de dar a coñecer o noso idioma e a nosa identidade “en circuítos académicos e de prestixio internacional”. Esta colaboración CCG-Cultura inclúe tamén a realización dunha páxina web sobre a historia da normalización lingüística, realizando a versión en liña e estendida dun documental sobre os cincuenta anos de traballo pola recuperación e mantemento da lingua que reúnen a especialistas, a expertos e falantes ao redor do galego.
Tanto unha iniciativa coma a outra foron presentadas en detalle por Ramón Villares, presidente do Consello, e Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura, durante a sinatura oficial do convenio. Este moverá un orzamento de 30.000 euros. Villares e Vázquez fixeron saber que a xuntanza internacional sobre o galego servirá de “campo preparatorio para a elaboración dun volume monográfico sobre a nosa lingua nunha revista científica de prestixio internacional”. O congreso realizarase como dixemos en setembro e terá unha segunda edición, no vindeiro ano, en Edimburgo.
O CCG fará unha web sobre a historia da normalización lingüística
Compartir Este Artigo
