Na mañá de hoxe asinaban un acordo de colaboración en Santiago de Compostela a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), Ramón Bermúdez de Castro. Neste convenio a AETG pon á disposición dos concellos galegos un servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación.
Deste xeito -dende mañá, 1 de abril- un equipo de traballo específico, integrado por enxeñeiros de telecomunicación, achegará soporte centralizado e permanente ás entidades locais para resolver dúbidas sobre a aplicación da normativa e cuestións técnicas da posta en marcha dos equipamentos de telecomunicación que afectan ás actividades das Administracións locais. Dicir que este servizo estará a disposición dos concellos a través do teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h e no enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.org.
Por que nace esta idea? Con ela quérese eliminar as dificultades de actualización normativa e de acceso á información tecnolóxica que condicionan o funcionamento cotián destas administracións locais. Preténdese facer máis doado o desenvolvemento ordenando as telecomunicacións en todo o territorio, promovendo un ambiente favorable que atraia o investimento dos operadores e facer que todos os cidadáns poidan acceder a máis e mellores servizos de telecomunicación alcanzables.
O convenio tamén inclúe a realización dun estudo sobre a calidade do servizo das redes de acceso de banda larga a través de tecnoloxía sen fíos existentes en Galicia. Esta actuación levarase a cabo tomando como referencia obxectivos acadados coa execución do Plan de Banda Larga de Galicia. Subliñar que arestora o Plan foi quen de dar acceso á Internet a máis de 700.000 galegos dos 786.000 que non dispoñían deste servizo en 2009.
A AMTEGA achegará á Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia 65.000 euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen no acordo.
AMTEGA e AETG unen forzas para encamiñar aos concellos que desexen despregar infraestruturas TIC
Compartir Este Artigo
