A Rede de Innovación de Arteixo RdI vai tentar responder, cunha nova xornada de divulgación, a unha pregunta que se teñen feito boa parte dos profesionais dos máis variados sectores: Por que as empresas TIC están sempre innovando? A pregunta vén moi a conto nestes tempos que corren, con tantas e tan boas empresas do eido tecnolóxico-dixital galego operando coa fórmula da creatividade total a tempo completo, cousa que ten que ver coa natureza mesma das novas tecnoloxías: unha natureza en continua evolución e revolución. Para responder axeitadamente á pregunta devandita, a Rede de Innovación de Arteixo convocou este mércores 2 de abril a Constantino Fernández, presidente de Altia e máis do Real Club Deportivo da Coruña.
A cita será ás 16.25 horas e desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: A innovación permanente nas empresas do sector TIC. Celebrarase no Centro Arteixo Innovación. O evento forma parte dos obradoiros informativos da RdI, iniciativa de apoio a emprendedores e empresas promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI) e o Concello de Arteixo, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.
Durante a súa intervención, o directivo explicará como na nova contorna tecnolóxica na que nos movemos persoas e empresas, a xestión da innovación convértese nunha necesidade estratéxica diaria para as organizacións e os seus profesionais. No seu relatorio, explicarase tamén como a través de mecanismos competitivos supéranse os retos existentes na evolución cara a unha economía e unha sociedade dixital.
O presidente de Altia afondará nos porqués de innovar a tempo completo dende as firmas TIC
Compartir Este Artigo
