O CNTG acolleu hoxe a xornada TICSENIOR 2014, que busca impulsar o acercamento das TIC aos maiores, e que contou coa presenza da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, quen na súa intervención destacou iniciativas como o proxecto GRUNDTVIG, financiado pola Unión Europea para o intercambio de experiencias entre voluntarios sénior de distintos países; ou o voluntariado cultural nas bibliotecas nodais de Galicia, no que participan 24 persoas que facilitan o acceso á cultura e ao lecer aos cidadáns.
No ámbito do voluntariado dixital, Mato explicou que “se trata dunha ferramenta colectiva composta pola solidariedade e o compromiso dunha gran cantidade de voluntarios individuais”. É un programa desenvolvido por Benestar en colaboración coa AMTEGA que conta na actualidade con 340 voluntarios e preto de 80 entidades, grazas ao que se chega a máis de 4.300 beneficiarios.
Doutra banda, Beatriz Mato apuntou que as TIC ofrecen múltiples vantaxes no eido da autonomía persoal e son un dos piares sobre os que se asenta a Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia, que consta de 400 medidas e constitúe a folla de ruta a seguir ata 2020.
No departamento autonómico desenvólvense varios sistemas avanzados en materia de teleprevención, como é o caso dos sistemas Mi-Avizor, Sam TV e Telexerontoloxía. O Mi-Avizor está composto por sensores sen fíos no fogar que xa están instalados en 227 vivendas; Sam-TV é unha plataforma de axuda á dependencia que funciona a través da televisión; e Telexerontoloxía é un sistema informático que se manexa a través dunha sinxela pantalla táctil e unha conexión a Internet.
Salientan o papel das TIC para mellorar a calidade de vida dos maiores
Compartir Este Artigo
