A Universidade de Vigo vén de poñernos ao tanto dunha investigación sobre o potencial didáctico e docente de Facebook. O estudo en cuestión, unha tese de doutoramento, vén da man da profesora Carla Cravo Gaspar, que apoiou unha boa parte do seu traballo nunha realidade que está fóra de toda dúbida: a elevada taxa de afianzamento das redes sociais entre os adolescentes de hoxe en día. Ao seu xuízo, “medraron con ela e trátana de ti a ti e con total naturalidade”. Esta integración total dos recursos 2.0, pola contra, non se rexistra en grupos de idade máis avanzada, polo que hai un novo risco de brecha comunicativa que cómpre que vaiamos arranxando. Poñernos ao día no ámbito 2.0 e máis polo miúdo nas peculiaridades de Facebook, non é unha mala fórmula para comezar, sinala Carla.
Na súa tese apunta a que en ferramentas como a devandita comunidade hai un potencial educativo importante, e tamén unha potencialidade moi significativa para tirar abaixo barreiras de comunicación cos máis novos, hoxe en día permanentemente conectados. Este fenómeno de estar sempre en liña é, ao seu xuízo, unha canle educativa e cooperativa de primeira. “Os centros educativos e as familias non poden agochar a cabeza fronte a esta situación. Teñen que enfrontarse a este desafío”, engade.
Carla Cravo, docente en Portugal, presentou recentemente a súa tese na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense baixo a dirección da profesora Manuela Raposo e co título O valor social e educativo do Facebook. O punto de vista dos adolescentes. O desenvolvemento da investigación incluíu enquisas, entrevistas de grupos e observación participante en aulas de Ensino Básico e Secundario de escolas do distrito portugués de Coimbra entre os cursos 2010/2011 e 2012/2013. Segundo informa a UVigo, participaron un total de 391 adolescentes a partir de 13 anos, 213 rapazas e 157 rapaces, e a rede elixida para a análise foi Facebook por ser a de uso maioritario en Portugal, ao igual que a esta beira da raia.
Segundo informa Carla, “podemos dicir que as redes sociais, en canto ferramentas da web 2.0, posibilitan diversas oportunidades para a creación dun ambiente de aprendizaxe cooperativa e colaborativa; os estudantes senten máis motivación e estímulo para levar a cabo as actividades propostas e o resultado é francamente positivo, segundo o estudo realizado”.
A pregunta que nos podemos facer é se na súa investigación elixiu Facebook por algo máis que pola súa importante presenza a ámbolos lados do río Miño. A resposta é si. De feito, a rede social é ao seu xuízo unha boa ferramenta para o traballo dos docentes e un bo acubillo para que os alumnos expoñan a súa creatividade e o seu coñecemento. Ademais, dáse a circunstancia de que é un emprazamento didáctico aínda por explotar. Ou sexa, case ninguén usa a día de hoxe o Facebook alén do estritamente lúdico. Segundo a tese, para o que máis empregan os mozos e mozas esta rede social é para a conversa. Séguenlle usos como compartir imaxes e vídeos, investigar, xogar, coñecer novas persoas e oír música ou ver películas.
Carla propón na súa tese unha Guía para o uso educativo de Facebook, aplicable ao alumnado de calquera país. Nela, artella indicacións entre as que se inclúen fórmulas para incentivar aos alumnos a estar ao tanto das actualizacións de seguridade e privacidade de Facebook; para facer titorías ás familias sobre o uso e control desta canle; para fomentar o seu uso como recurso de desenvolvemento profesional para os docentes ou para adoptar nas aulas os estilos de aprendizaxe dixital e social dos alumnos.
Presentada no campus de Ourense unha investigación que reivindica Facebook como canle de ensino
Compartir Este Artigo
