Tras bastantes meses de espera para poder pulir todos os detalles da operación, hoxe Microsoft anunciou que completou a adquisición da división de dispositivos e servizos de Nokia, tras conseguir a aprobación das numerosas autoridades de cada país. O novo conselleiro delegado de Microsoft, Satya Nadella, apresurouse a dar a benvida a Nokia dentro de Microsoft, asegurando que “xuntos cos nosos socios, permaneceremos enfocados en innovar máis rapidamente no noso mundo no que o móbil e a nube son prioritarios”.
Tras o peche desta operación de compra, o presidente de Nokia, Stephen Elop, pasará a ocupar o posto de vicepresidente executivo da división de dispositivos de Microsoft, que conta cun amplo abano de produtos entre os que están os tablets e smartphones Lumia, os móbiles Nokia, as consolas Xbox, os Surface, os produtos PPI e numerosos accesorios. Microsoft tamén pasará hoxe a facerse responsable das garantías dos produtos actuais de Nokia.
Esperan que a adquisición de Nokia poida contribuír a mellorar o grande crecemento de Windows Phone, que pese a medrar un 91% no último ano, segue a ser unha plataforma móbil que está bastante por detrás de iOS e Android, agás en mercados moi puntuais nos que chegou a facerse co segundo posto en cota de mercado.
Dende Nokia tamén apuntan que esta operación non afectará inicialmente á súa actividade, pois continuarán a producir e vender os seus dispositivos (incluíndo os terminais Asha e Nokia X) só que baixo o paraugas de Microsoft. Tamén manterán as súas liñas de software e a súa presenza en liña nos distintos espazos web e plataformas sociais que tan bo resultado deron nos últimos meses, contribuíndo considerablemente a dar a coñecer o potencial dos produtos da compañía finlandesa.
Microsoft completa a compra de Nokia
Compartir Este Artigo

