
O Scratch é unha linguaxe de programación e unha comunidade en liña encamiñada á xente nova, onde os rapaces poden programar e compartir medios interactivos, historias, xogos e animacións con outros mozos e mozas.
Indo ao miolo do curso, está dirixido a rapaces cunha idade comprendida entre os 10 e os 14 anos, e desenvolverase nas tardes dos martes e os xoves do vindeiro mes de maio -entre as 18:30 e as 20:00 horas- nas instalacións da ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñaría, USC), a partir do vindeiro día 6.
A matrícula do curso é de balde, e as persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición ata o 2 de maio. As prazas, 15 en total, concederanse por rigorosa orde de inscrición, no correo electrónico informacion@cpeig.org.
O CPEIG presenta este obradoiro coma unha aventura gráfica, co obxectivo de que os rapaces programen unha fase por cada clase. Cada unha destas fases situarase nunha cidade ou nunha vila de Galicia distinta, cunha historia, lenda ou parte da cultura particular desa zona. Cada alumno disporá dun computador para o seguimento do obradoiro.
Asemade, o curso contará cun blog (Cativos Coding), no que tanto os rapaces coma os seus pais poderán seguir os contidos do obradoiro fóra do horario da clase.
O obradoiro de Scratch organizado polo CPEIG abre o período de inscrición
Compartir Este Artigo
