
Na cita Innovación aplicada ás TIC participaron máis dun trintena de profesionais e emprendedores. Celebrouse nas instalación do CITIC no Campus da Coruña, e contou co apoio da Deputación e o co-financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.
No evento participou Jesús Díaz, responsable de Promoción Tecnolóxica do CITIC, quen foi o encargado de abrir a xornada presentando a actividade que desenvolve este centro tecnolóxico para potenciar a innovación nas empresas a través da transferencia tecnolóxica. Para ilustrar esta tarefa, informa a Factoría, compartiu cos asistentes algúns dos principais proxectos levados a cabo polas diferentes áreas tecnolóxicas do CITIC, como por exemplo a creación de diferentes motores de procura de información, a integración de datos en aplicacións como nas paradas de bus urbano intelixentes, o procesado de imaxes dixitais para biometría ou análises do comportamento ou a comunicación sen fíos para sistemas de control e alerta para persoas dependentes.
O seguinte relatorio foi o de Luis Santos, consultor TIC en Grupo Tecopy, quen avalou o valor innovador da aplicación das TIC nos procesos de formación e ensino. Segundo fixo saber, “o uso de ferramentas e materiais multimedia neste eido abre un amplo abano de posibilidades e horizontes para ofrecer novos modelos nos que as tecnoloxías poden ser concibidas como apoio ou complemento á educación presencial, propiciar a formación totalmente en liña, potenciar novas modalidades de aprendizaxe ou ofrecer gran diversidade de recursos”.
Durante o encontro tamén tivo lugar unha actividade de exposición de casos de éxito, na que se realizaron varias demostracións sobre a aplicación industrial das novas tecnoloxías. Carlos Escudero, investigador do CITC, presentou a ferramenta Inloc, un servizo de localización en interiores que permite empregar as técnicas de xeolocalización en lugares nos que arestora non hai cobertura como en edificios, centros comerciais ou aparcadoiros. Pola súa banda, Miguel Luaces, tamén investigador do CITIC, e Pedro González, técnico da Deputación da Coruña, afondaron no desenvolvemento do software gisEIEL no organismo provincial para xestionar diferentes infraestruturas e equipamentos locais. Ademais, Miguel Barreiro, representante de Mads Group, realizou unha demostración do funcionamento de Syntheractive, un sistema que é quen de xerar vídeo sintético e codificalo en tempo real para poder ofrecer servizos interactivos masivos para a televisión dixital.
A Factoría de Innovación da Coruña e o CITIC dan a coñecer a nova face do noso sector TIC
Compartir Este Artigo
