Falar de hábitos culturais e comunicativos é falar tamén de redes, unha cousa vai ligada á outra, polo que o estudo presentado polo Observatorio da Cultura Galega (CCG) sobre as diferenzas de xénero na nosa cultura amosan tamén, por forza, as nosas preferencias tecnolóxicas á hora de acceder ao coñecemento. O estudo Mulleres e Cultura, que entre outras cousas deixa ás claras que elas son máis lectoras ca eles (un 26,3% fronte a un 21,8%), ao tempo que están en situacións laborais máis precarias dentro do sector da cultura, tamén amosa no apartado Sociedade da Información que as mulleres usan menos o computador e Internet cós homes (64,8% fronte ao 68,1% e 62,8% fronte a 67,9%, respectivamente).
Ademais, elas mercan menos por Internet ca eles (cunha diferenza de 7,2 puntos). Con todo, e segundo informan os responsables do estudo, cómpre matizar as devanditas afirmacións “vendo as franxas de idade”. Segundo isto, o 100% das mulleres entre 16 e 24 anos manexa o ordenador, fronte a un 95,7% de homes. Por outra banda, tamén se amosa que as mulleres galegas empregan máis que os homes o servizo de mensaxería instantánea (91,3% fronte ao 89,7%) e tamén usan máis e con máis frecuencia as redes sociais (77,5% fronte ao 68,7%). Elas prefiren Facebook, Tuenti e Pinterest e eles Twitter, Google Plus e Linkedin.
Para a elaboración deste informe, o Observatorio tomou os datos do Instituto Nacional de Estatística (Enquisa de emprego do tempo 2009-2010), do Instituto Galego de Estatística (Enquisa de condicións de vida das familias. Ocio e hábitos culturais), do Instituto Galego da Cualificacións, da Enquisa de Poboación activa do Servizo de Público de Emprego e do AIMC.
As mulleres galegas empregan menos o computador cós homes
Compartir Este Artigo
