O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) vén de anunciar a celebración nas súas instalacións de Santiago dun seminario técnico sobre integración de redes sen fíos e con fíos botando man de tecnoloxía de Cisco. A actividade formativa desenvolverase o vindeiro 22 de maio, de 9.30 a 13.30 horas, e o seu obxectivo é amosar aos participantes, en detalle, as características da arquitectura CUWN (Cisco Unified Wireless Network) con puntos de acceso lixeiros e controladores sen fíos, facendo fincapé na súa integración coas tecnoloxías máis habituais de rede conmutada: Ethernet eVLAN.
A xornada comezará describindo as características básicas dos estándares sen fíos 802.11. A seguir explicaranse os fundamentos da arquitectura baseada en WLC e LWAP con protocolo CAPWAP. Para rematar a primeira parte do acto falarase da integración desta tecnoloxía en redes conmutadas Ethernet divididas mediante VLAN baixo o estándar 802.1Q.
Na segunda parte da conferencia farase unha demostración de aplicación dunha achega Cisco con arquitectura de puntos de acceso lixeiros (LWAP) e WLC con autenticación baseada en Active Directory.
O seminario esta dirixido sobre todo, informa o CNTG, a “persoal técnico das áreas de informática, electrónica e telecomunicacións, incluíndose neste perfil a analistas e administradores de sistemas, operadores e administradores de redes, técnicos de operación e mantemento no ámbito das redes e sistemas e, en xeral, calquera estudante ou profesional da contorna TIC interesado na temática”.
O relator da xornada será Manuel Bustabad, colaborador habitual do centro compostelán e formador de programa oficial Cisco Networking Academy dende o ano 2001, programa do que imparte cursos de CCNA Wireless, CCNA Routing & Switching, CCNP e CCNA Security. Posúe, entre outras acreditacións, as certificacións CCNA Wireless, CCNA, CCNA Security e CCNP.
O CNTG acolle en maio un seminario técnico sobre integración de redes con tecnoloxía de Cisco
Compartir Este Artigo
