Telefónica non cesa de abrir frontes. E a máis recente ten relación directa cun ámbito que está a arredarse do inmobilismo imposto durante anos polas grandes corporacións: o ámbito da enerxía eléctrica (que arestora busca o seu camiño cara a novos actores e novos xeitos de produción, máis eficientes e renovables). A operadora é polo tanto un novo actor a ter e en conta, malia que nun principio só será distribuidora e semella que unicamente lles venderá enerxía aos seus grandes clientes (amais de cubrir as súas propias necesidades). A medida será materializada pola filial Telefónica Solucións de Informática e Comunicacións.
Basicamente, do que se trata é fornecer un máis amplo servizo aos seus grandes consumidores, que teñen gastos de enerxía moi altos por mor da súa produción, do seu meirande número de instalacións e tamén por mor do espallamento destas instalacións. Até o de agora, Telefónica ofrecíalles servizos como a xestión a distancia de infraestruturas, pero a idea é ir máis alá no camiño da eficiencia e a rendibilidade, subministrando tamén enerxía nas infraestruturas dos seus clientes. Deste xeito, a operadora ten previsto mercar subministro a terceiros para venderlla aos usuarios dos seus servizos, e todo co obxectivo de proporcionar unha solución completa de xestión da enerxía que maximice as eficiencias xeradas polas grandes empresas. A dúbida está polo de agora en se Telefónica ampliará ou non este servizo ao resto de usuarios potenciais, usuarios residenciais.
Telefónica distribuirá enerxía eléctrica entre os seus grandes clientes
Compartir Este Artigo
