Orange vén de denunciar ante a Comisión Nacional dos Mercados a Competencia (CNMC) a migración de ADSL a fibra óptica proposta por Telefónica, unha estratexia que foi anunciada os días pasados e que consiste basicamente en levar aos clientes dunha tecnoloxía a outra, de balde, e coa garantía de ofrecerlles 10 Mbps e mantendo o prezo da oferta actual “e sen ningún tipo de custo adicional”. Orange, a través de dúas denuncias, pide que se paralicen de xeito inmediato estas novas ofertas. A primeira delas, por mor do que a operadora denunciante considera “unha discriminación de trato aos seus clientes perante os propios de Telefónica”.
A segunda ten relación co que cualifican de “degradación de calidade do servizo almacenista achegado por Telefónica na súa rede de ADSL”. A xuízo de Orange, o proceso de migración da operadora denunciada non está ao alcance da man dos competidores, aos que lles é imposible subministrar un proceso análogo (malia que esta posibilidade de replicar está recoñecida pola lexislación vixente). Ao fío disto, Orange lembra que todas as ofertas que non cheguen aos 30 Mbps debe ser “replicables polos competidores sen incorrer en marxes negativas”. Para a operadora, botar man dos prezos de NEBA (Novo Servizo Ethernet de Banda Larga) para responder á oferta de fibra de 10 Mbps implicaría que as compañías alternativas incorresen nestas marxes negativas. Por outra banda, o que Telefónica ofrece de balde, elas terían que cobralo polo alto investimento ao que se terían que ver sometidas.
Orange denuncia a migración de ADSL a fibra óptica lanzada por Telefónica
Compartir Este Artigo
